Dos Passos, John

Dos Passos, John

Escritor estadounidense. Neto de emigrantes portugueses, graduouse en Harvard (1916). Correspondente en Europa e Oriente Medio, foi encarcerado por defender os anarquistas Sacco e Vanzetti. Publicou un libro de impresións sobre España, Rosinante to the Road Again (Rocinante de novo na estrada, 1922), e ao retornar á narrativa abandonou o individualismo das súas primeiras obras cunha novela colectiva de ambiente urbano, Streets of Night (Rúas da noite, 1923), preludio de Manhattan Transfer (1925), pintura de multitude de personaxes e escenarios determinados pola atmosfera de Nova York. Dúas das súas primeiras obras, One Man’s Initiation (A iniciación do home, 1917) e Three Soldiers (Tres soldados, 1921), son novelas arquetípicas da denominada xeración perdida. A triloxía USA-The Forty-Second Parallel (Paralelo 42, 1930), 1919 (1932) e The Big Money (O gran diñeiro, 1936), constituíu unha acusación ao sistema norteamericano, nunha especie de historia dos EE UU. O desengano acentuouse aínda máis na triloxía Distrit of Columbia: The Adventures of a Young Man (Distrito de Columbia: Aventuras dun home novo, 1939), Number One (O número un, 1943) e The Great Design (O gran proxecto, 1949). Posteriormente, inclinouse cara a ideas máis conservadoras (Mid-Century, 1961).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Chicago

  • Deceso

    Lugar : Baltimore