Fonseca, Alonso III de

Fonseca, Alonso III de

Arcebispo de Santiago (1508-1524) e de Toledo (1524-1534), fillo de Alonso II Fonseca e de María de Ulloa, condesa de Monterrei. Estudiou en Salamanca e foi cóengo de Santiago e de Cornado. Fundou en 1519 o Colexio de Santiago en Salamanca para acoller, entre outros, a clérigos galegos que ían estudar á Universidade de Salamanca. En 1522 fundou un pequeno colexio de teoloxía en Santiago de Compostela, onde xa existía un Colexio de Gramática desde 1501; en 1525 solicitou do Papa Clemente VII a bula de fundación para un novo colexio en Santiago de Compostela, que puidera ter o alcance dos Colexios-Universidade, como o de Alcalá de Henares, sostido con todas as rendas reunidas dos dous colexios existentes en Santiago e outras novas que Fonseca propoñía. A autorización papal mediante bula de 15 de marzo de 1526 posibilitou a creación da Universidade de Santiago de Compostela. No seu testamento de 1531 estableceu todos os detalles da creación e construción do colexio Santiago Alfeo, tamén coñecido como de Fonseca. Segundo trazas de Juan de Álava e Alonso de Covarrubias iniciáronse as obras en 1534, que se concluíron substancialmente en 1544, aínda que as clases non comezaron ata 1550. A posta en marcha efectiva da nova Universidade aínda tivo que agardar ás Constitucións ditadas en 1555 polo visitador real e catedrático de Teoloxía da Universidade de Alcalá, Andrés Cuesta. Alonso de Fonseca Ulloa e Acevedo foi un grande impulsor do humanismo renacentista e mantivo contactos, a través do seu secretario en Alcalá, Juan de Vergara, con Erasmo de Rotterdam. Así facilitou a edición de parte das súas obras en Alcalá e deu a Erasmo algún outro apoio que este lle recoñeceu nunha das súas obras.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso

    Lugar : Alcalá de Henares