Rexión de Chile, no centro do país, entre as rexións de Atacama, ao N, e Valparaíso, ao S (40.656 km2; 569.800 h [estim 1999]). A súa capital é La Serena. Sitúase en latitudes subtropicais. No extremo oriental érguese a cordilleira dos Andes, que acada no Pico Mercedario, no SL da rexión, na fronteira coa provincia arxentina de San Juan, os 6.770 m de altitude. Ademais da capital, os principais núcleos urbanos son Coquimbo e Ovalle.
Cidade da rexión de Coquimbo, Chile, á beira da baía de Coquimbo (126.886 h [1997]). O lugar onde se asenta a actual cidade foi ocupado polos incas do Perú. En 1864, o goberno chileno ordenou a construción de instalacións portuarias na súa baía, feito que favoreceu o desenvolvemento urbano e económico do núcleo, que recibiu o título de cidade en 1879.