Características

 

A entrada     

A Enciclopedia Galega Universal é unha obra de carácter analítico ordenada alfabeticamente e dividida en artigos ou entradas que utilizan formalmente a letra negra grosa. Ex.: aba, fungueiro, Megalitismo, Xunqueira de Ambía etc.

 

Préstamos    

Os préstamos, é dicir, as palabras de orixe non galega, pero incorporadas á lingua común e que teñen unha flexión galega, non levan ningún asterisco, senón tan só a indicación da lingua de orixe e, ás veces, tamén a forma orixinal. Ex.: falla [galic faille], piano [ital].

A fraseoloxía latina ou non incluímola tamén nesta clasificación. Ex.: sine die [lat], ad hoc [lat], savoir faire [galic] etc.

 

Estranxeirismos    

As palabras non galegas ou estranxeirismos, é dicir, que o galego tomou doutras linguas, levan un asterisco á dereita e, a continuación entre corchetes, a indicación da lingua da que proceden. Ex.: demodé* [galic], oblast* [ruso]. Un caso excepcional, no ámbito da bioloxía, constitúeno as entradas correspondentes á categoría taxonómica de xénero que, aínda que latinas, non presentan ningún tipo de signo distintivo. Ex.: Salix.

 

A etimoloxía    

As entradas de léxico común preséntanse acompañadas da etimoloxía. Entre parénteses indícase a lingua de orixe, mediante unha abreviatura e o termo de procedencia. Este pode ir en alfabeto latino ou calquera outro, neste último caso manterá a forma orixinal e a tradución. Ex.: allo (< lat alliu); cinético (< gr κινητικος ‘que pon en movemento’).

O símbolo < precede sempre á voz da que procede sexa esta unha palabra doutra lingua ou un termo en romance. Ex.: amorío (< amor), amigo (< lat amicu).

As formas hipotéticas, reconstruídas sen o apoio de documentación, aparecen cun asterisco verza (< lat v vĭrdĭs < lat c *vĭrdĭa).

Cando se necesita por claridade indicar o significado na lingua orixinaria utilízanse as comiñas simples para sinalalo. Ex.: amorodo (< lat moru ‘mouro’). Se queremos indicar a composición de máis dun termo dun mesmo étimo acudimos ó signo + (Ex.: amencer < ad ‘a’ + lat mane ‘mañá’ + suf scere).

 

Tradución a outras linguas     

As entradas tradúcense a tres linguas: portugués (port), castelán (cast) e inglés (ingl), respectivamente, e preséntanse entre corchetes, tralo étimo. De cada entrada tradúcense as de uso máis frecuente e ordénanse polo número de acepción. Ex.: apañar [port: apanhar, recolher, pillar; cast: recoger; ingl: to get together, to catch] . Tamén aparece indicada a desinencia feminina nas palabras castelás e portuguesas cando presenten un sufixo de xénero diferente ó do masculino. Ex.: arriscado -da [port: arriscado -da; cast: arriesgado -da; ingl: risky, dangerous]. Nos artigos relativos á flora e fauna as distintas acepcións teñen o mesmo tratamento cás entradas, polo que cada unha das especies introducidas en letra negra van acompañadas da tradución nas tres linguas mencionadas (Ex.: abeto (lat v abete < lat c abiĕte) [port: abeto; cast: abeto; ingl: fir] 1 s m PLANTA Árbore da subfamilia das abietoideas que pertence ós xéneros Abies, Picea, Pseudotsuga ou Tsuga. Caracterízase por ter acículas perennes que non sobrepasan os 35 mm, presentes só nos macroblastos. 2 abeto branco [Abies alba, subFam das abietoideas] [port: abeto branco; cast: abeto blanco; ingl: European silver fir] s m PLANTA Árbore de ata 45 m de altura (...). 5 abeto pinsapo [Abies pinsapo, subFam das abietoideas] [cast: pinsapo; ingl: Spanish fir] s m PLANTA Árbore de ata 25 m de altura (...) 7 abeto rubio [Picea abies, subFam das abietoideas] [cast: abeto rojo; ingl: common spruce] s m PLANTA Árbore de ata 50 m de altura (...).

 

Dialectalismos    

Polas especiais condicións sociolingüísticas do galego moitos termos quedaron vinculados a unha comarca ou área determinada. Na EGU tamén se recolleron voces específicas dalgunhas áreas lingüísticas concretas. Ex.: golpe área mindoniense. Deste xeito aparecerá recollida aquela información sobre a área ou subárea dialectal á que pertence a entrada que estamos a definir.

 

Formas non normativas e variantes    

Ademais dos sinónimos que constitúen termos recoñecidos polo estándar oficial, decidiuse incluír na presente obra aquelas variantes, relativas a termos etnográficos e de flora e fauna, que presentan un uso moi espallado. Neste caso, recolleuse un corpus lexicográfico que, sen estar fixado na Normativa Oficial da Real Academia Galega, ten unha existencia independente na fala e en obras especializadas. Estas formas non normativas, aínda que tamén se incluíron, remítennos á forma estándar que será a que desenvolva o concepto da entrada. Ex.: abriota s f PLANTA V abrótega.

Se se trata dunha forma incorrecta en galego, a entrada remite á forma normativa correspondente, pero presenta un asterisco á esquerda. Ex.: *almidón [cast] s m V amidón.

 

Nomes científicos     

Nos nomes vulgares de seres vivos, inmediatamente despois da entrada, aparece entre parénteses o nome científico coa familia á que pertence. Ex.: lobo [Canis lupus, Fam cánidos]. As entradas de xénero poden aparecer na forma vulgar, por exemplo, salgueiro, ou na forma latina, Salix; neste caso tanto as especies que comprenden como a familia á que pertencen aparecen recollidas no texto. As entradas referentes a compostos químicos levan entre corchetes a fórmula química correspondente. Ex: cloranfenicol [C11H12Cl2N2O5]. Nos casos de compostos coñecidos habitualmente por un nome distinto da nomenclatura científica ó uso, a entrada corresponde ó primeiro, seguido entre corchetes da nomenclatura científica xunto coa fórmula química. Ex.: arxinina [ácido1-amino-4-guanidino-valérico:H2N-C(=NH)-NH-CH2CH2CH2CH(NH2)COOH].

 

Categorías gramaticais    

As palabras que amosan unha forma e categoría gramatical diferente (substantivos, adxectivos, verbos etc.) constitúen entradas diferentes; por ex.: abandono, abandonar, abandonado preséntanse como tres entradas diferentes. Agora ben, as diferentes categorías gramaticais dunha palabra, especificadas en cada acepción, e as locucións das que forma parte inclúense dentro dunha mesma entrada. Ex.: real (lat regale) 1 adx Relativo ou pertencente ó rei ou á realeza. 2 adx Dise do patrimonio pertencente ó rei. 3 adx Que está baixo o padroado do rei. 4 adx fig Excelente, magnífico. 5 s m [pl: reás] Moeda española de 25 céntimos de peseta, hoxe fóra de circulación. 6 s m Moeda do Brasil. Mesmo se hai difererenzas na flexión; ex.: o adverbio antes, e as locucións prepositivas antes de e conxuntivas antes que inclúense na mesma entrada antes.

Dúas palabras de igual forma gráfica, pero de diferente etimoloxía, consígnanse como dúas entradas diferentes. Ex.: 1golpe (< lat v colŭpus  <lat c colăphus < ‘puñazo’ < gr χóλαφοζ ‘labazada’) 2golpe (< lat vŭlpu ‘raposo’). Co fin de distinguilas, recórrese a números arábigos situados diante da entrada en superíndice. Os nomes propios sempre son tratados en artigos separados (ex.: Acre, estado do Brasil; Acre, cidade de Israel), agás cando constitúen unha acepción interior, a cal ten sempre unha relación estreita co nome que figura no encabezamento (ex.: Lemoyne).

 

Xénero e número    

As entradas das palabras aparecen habitualmente pola forma masculina singular. A desinencia feminina dos substantivos e adxectivos, no caso de tela, aparece a continuación da forma masculina, no mesmo corpo ou tipo de letra e repetindo a sílaba final completa (ex.: mozo -za, sogro -gra etc.). Tamén se recollen os substantivos ou adxectivos que, ó non presentaren desinencia feminina, só constan dunha terminación (ex.: breve, xornalista etc.). Cando os substantivos posúen un feminino totalmente diferente do masculino (ex.: home / muller, boi / vaca etc.) e aqueloutros que se forman con sufixos especiais (abade / abadesa, tsar / tsarina etc.), teñen entrada propia. Por outra banda, os plurais irregulares ou dubidosos son indicados entre corchetes. Véxase o ex. real [pl: reás] na súa acepción 5 ou a voz álbum [pl: álbums]. Excepcionalmente, algunhas palabras científicas, en especial en ciencias biolóxicas, entraron coa forma en plural (Ex: acantocéfalos).

 

Materias    

Os nomes comúns que constitúen entrada na EGU grafíanse en minúscula e van acompañados da correspondente definición. Ex.: amanuense s m Escribán, persoa que escribe á man e ó ditado ou copiando. As entradas de carácter científico ou técnico que desenvolven diferentes acepcións van seguidas de abreviaturas de materia. Estas abreviaturas determinan a rama de coñecemento que está a ser obxecto de estudo. Ex.: piano 1 s m MÚS Instrumento cordófono de tecla...; aceiro 1 s m IND Aliaxe de ferro e unha pequena cantidade de carbono. Se a mesma acepción pertence a dúas ou máis disciplinas ou materias relaciónanse por orde de importancia, separadas cunha barra. Así, por exemplo, o antibiótico actinomicina leva unha epígrafe de materia BIOL/QUÍM debido a que pola súa produción é un fenómeno biolóxico, e pola súa composición un produto químico. Estas indicacións de materia fan referencia ós aspectos esenciais do concepto definido e non ós aspectos indirectos da entrada, inda que estes sexan tratados nesta. Ex.: o artigo aceiro leva só un encabezamento IND, aínda que dentro deste se mencione a súa importancia económica.

 

Acepcións    

Unha entrada pode ter unha ou máis acepcións. As que inclúan dúas ou máis numéranse con caracteres arábigos e en letra negra (ex.: ameaza [port: ameaça; cast: amenaza; ingl: threat] presenta catro acepcións: 1 s f Acción de ameazar. 2 s f Palabra, xesto etc. coa que se ameaza. 3 s f Indicio polo cal se manifesta un perigo, unha cousa temida. 4 s f DER Delicto consistente...), salvo nos casos das acepcións interiores, citadas dentro do corpo dunha entrada encabezada en xeral por un nome propio, as cales van sen numerar. Ex.: Lemoyne Familia de escultores franceses do século XVIII. Jean-Louise Lemoyne (1665-1755) traballou en Versalles e Marli, e Jean Baptista (I) Lemoyne (1679-1731)... O seu fillo, Jean Baptiste (II) Lemoyne (1704-1778) foi escultor...

 

Subacepcións    

Unha acepción pode ter dúas ou máis subacepcións, as cales achegan matices que cómpre distinguir na definición xeral daquela. Estas irán numeradas en cursiva. Por exemplo, a entrada á ten na acepción 1 s f ANAT catro subacepcións: 1 Órgano dalgúns animais... 2 Membrana dalgúns mamíferos... 3 Membrana dalgúns réptiles actuais... 4 improp Aleta pectoral modificada dos peixes voadores... Cando a acepción dunha entrada, como neste exemplo, ten a mesma materia en todas as subacepcións, a indicación desta márcase dentro da acepción. Se pola contra cada subacepción responde a diferentes materias ou unha delas se modifica, a indicación de materia vai introducida dentro de cada subacepción.
 

Frases feitas e locucións  

Por outra banda, considéranse de maneira diferenciada as frases feitas que se introducen ó final de cada entrada e non tras cada acepción debido, ás veces, á dificultade de agrupalas nalgunha delas. A frase feita márcase en letra grosa seguida dun punto e da aclaración. Ex.: a entrada mar inclúe dentro da epígrafe FRAS: A mares. Abundantemente, en gran cantidade. Andar ó mar. Estar ocupado realizando traballos de pesca. Arar no mar/dar golpes ó mar. Perder tempo nun esforzo que non vai dar resultado. Baixar o mar. Descender a marea. Bater o mar. Cando o mar golpea a costa con grandes ondas. Correr o mar. Navegar sen destino ou rumbo fixo...

Unha locución formada por un nome común entra por aquela palabra que constitúe o núcleo da mesma ou semella a máis característica. Unha locución formada por un nome propio e un nome común entra normalmente polo nome propio. Ex.: Suído, montes do.

Inclúense tamén nesta clasificación os refráns.

 

Tradición oral e citas    

As definicións de cada unha das entradas, acepcións ou subacepcións procuran en todo momento a claridade e evítanse os conceptos complexos que poidan complicar a súa comprensión. Con este fin introdúcense, cando cómpre, exemplos xa rexistrados na tradición onde se recolle o termo definido.

Inclúense nesta clasificación os exemplos tomados da tradición popular (excepto os refráns que se recollen como frases feitas) ou as citas literarias recollidas entre comiñas; indícase nestes casos ó final e entre parénteses a obra e o autor.

Os títulos de libros aparecen recollidos en letra cursiva e respectando a súa lingua orixinal. Cando esta non é nin o portugués nin o castelán, engádese entre comiñas simples e tamén en cursiva o título da tradución na nosa lingua. Se non se atopa aínda no mercado a versión en galego achégase entre parénteses unha posible tradución do orixinal, para facilitarlle ó lector a súa localización nunha lingua máis próxima. Ex.: Das Kapital (O capital, 1871), Le petit prince (‘O principiño’, 1957).

 

Sinónimos, antónimos e confrontacións  

No tratamento da lexicografía e, por razóns de amplitude, introdúcense tres campos que resultan un tanto inusuais en obras desta envergadura como son: os sinónimos, os antónimos e as confrontacións.

As entradas léxicas, suxeitas ós cambios, enriquécense e relaciónanse unhas con outras a través do fenómeno da sinonimia que se basea sempre nun principio de identidade de significado, e que permite que dúas ou máis palabras diferentes co mesmo significado poidan conmutarse entre si en calquera contexto e nos diferentes actos de fala.

Agora ben, ás veces, o establecemento de sinónimos choca frontalmente con outro aspecto lingüístico non relacionado directamente como son os rexistros ou usos que fan referencia ás variantes diafásicas, e que tamén se recollen mediante unha abreviatura nesta obra (V as abreviaturas sobre os usos; ex.: vulg, fam, col etc.).

 

Formas verbais    

A EGU desenvolve os tres modelos de conxugación regular nos verbos andar, varrer e partir. Ademais aparecen conxugados aqueles regulares que presentan algunha variación ortográfica no seu paradigma (ex.: abranguer, gorecer etc.) e todos os irregulares (ex.: dar, ser etc.). Cando o verbo presenta alternancia vocálica indícase, despois da forma conxugada, o timbre aberto ou pechado da vocal tónica mediante corchetes e segundo o alfabeto fonético internacional (AFI).

Para facer esta clasificación, tivemos como referencia as publicacións de Manuel Díaz Regueiro, Os verbos galegos (1992) e Normas ortográficas e morfolóxicas do galego (1995), publicadas por RAG/ILGA. Na nomenclatura dos tempos verbais, óptase pola terminoloxía fixada por esta última fronte á tradicional.

 

Gramática tradicional Nova terminoloxía
Pretérito imperfecto Copretérito
Pretérito perfecto Pretérito
Pretérito pluscuamperfecto Antepretérito
Condicional Pospretérito

 

Maiúsculas e minúsculas    

Levan maiúscula inicial e, polo tanto, entran pola primeira palabra:

a) Os nomes de entidades, empresas, institucións, organismos concretos, movementos e partidos políticos e organizacións relixiosas (ex.: Fundação Gulbenkian, Nova Escola Galega, Partido Galeguista, Fundación Barrié de La Maza, Pescanova, Instituto da Lingua Galega etc.), as cales entran na lingua que lles é propia, excepto cando se trate de entidades internacionais ou de idiomas non latinos nin xermánicos, nos que aparecen transliterados.

b) Os feitos e períodos históricos concretos con denominación específica. Ex.: Primeira Guerra Mundial, Segunda Guerra Irmandiña, Neolítico etc.

c) As siglas, que entran con todas as letras en maiúscula e sen puntos. Ex.: FAI, CIG, UXT etc.

d) Os nomes de monumentos ou conxuntos monumentais illados ou moi singularizados, os títulos de obras de arte, literarias etc. Ex.: Coliseo de Roma, Sempre en Galiza, Dama de Elxe.

Os nomes de institucións, sociedades, fundacións, agrupacións, empresas etc. aparecen recollidos co nome completo. Aquelas que habitualmente se coñecen por un nome de seu (ex.: Abrente en lugar de Asociación Cultural Abrente, Albéniz no canto de Agrupación Musical Albéniz...), as súas entradas corresponden ó termo que identifica a asociación. Ex.: Mondariz, Augas de.

Levan maiúscula pero non son consideradas como termos que determinan un encabezamento:

—Os artigos. Ex.: Gudiña, A; Cairo, O.

Pola contra, non levan maiúsculas e, polo tanto, non son consideradas como palabras que determinan entrada:

—As indicacións de lugar ou outras partes xenéricas dun topónimo, mesmo cando só se empregan en toponimia menor para indicar: casa, eido etc. (Ex.: Budiño, lagoas de; Carnota, areal de; Oia, montes de; Dombate, dolmen de), agás cando perden o valor orixinario e derivan en nomes de parroquias, vilas, comarcas etc. Ex.: Terra de Lemos, Val do Salnés.

 

Ordenación das entradas    

En canto á ordenación alfabética, de constituíren sintagmas, tense en conta a primeira palabra e en segundo lugar a parte secundaria deste. Ex.: Vilanova / Vilanova de Arousa / Vilanova de Carballedo / Vilanova de Lourenzá etc.

Un encabezamento ou epígrafe que consta de máis dunha palabra e entra por outra distinta da primeira presenta dous corpos diferentes: a que constitúe o núcleo principal aparece en letra grosa e vai en primeiro lugar; a parte secundaria, que na ordenación normal iría antes da palabra principal, aparece en letra negra fina, detrás e precedida dunha coma (ex.: Trento, Concilio de). A primeira parte, en letra grosa, é a única que se ten en conta para a ordenación, sempre que non haxa ningún encabezamento máis ou parte primaria deste que sexa igual. Ex.: Abad, Xosé / Abad Fernández, María / Abade Abade, Boaventura / Abade, Rosendo / Abadexo etc.

Non contan para a ordenación alfabética, pese a ir diante, os prefixos literais ou numéricos, do tipo dos empregados na terminoloxía química. Ex.: 2-aminopiridina, α-aminoisobutírico, ácido; p-aminodimetilanilina etc.

Para os nomes de persoa que levan unha partícula, tense en conta ou non esa partícula segundo a tradición do seu país. Ex.: Aache, Hans von, pero De Chirico, Giorgio.

Cando diversas entradas coinciden no encabezamento ou na parte primaria, en letra grosa, para ordenalas obsérvanse os seguintes factores:

—En igualdade absoluta, as minúsculas van diante e as maiúsculas detrás. Ex.: agar / Agar.

—As entradas que non teñen signos diacríticos van diante das que si os presentan. Ex.: presa / présa.

—En igualdade de partes primarias, deciden a ordenación as secundarias, con prioridade para os encabezamentos que non teñen partes secundarias posteriores. Ex.: Alonso, Pilar / Alonso Barba, Álvaro / Alonso Fernández de las Redondas, Dámaso / Alonso Montero, Xesús.

Dentro da mesma entrada, as acepcións de léxico xeral preceden normalmente ás que levan epígrafe de materia, ordenadas segundo a súa importancia; do mesmo xeito aparecen tamén ordenadas aquelas locucións substantivas que constitúen subentradas. Ex.: ala 5 DEP 1 s f En deportes colectivos (...) 2 á delta Enxeño empregado no voo libre (...) 3 á de pendente Modalidade de paracaídas (...). Con todo, nalgúns casos prescíndese destas normas de ordenación das acepcións nunha entrada cando a importancia desta ou a relación de sentido coa primeira a facía aconsellable. Nalgunhas entradas moi longas e complexas (pola cantidade e a variedade de acepcións, subacepcións ou locucións) óptase polo agrupamento das acepcións e das locucións de acordo coas epígrafes de materia.

Nas entradas ou partes de entrada que teñen un desenvolvemento extenso, o texto fracciónase en títulos (ou mesmo en subtítulos) que fan máis lexible a exposición e máis clara a presentación. Este é o caso das entradas de estados, nacións etc., que abren unha alínea para historia e xeografía; tamén algunhas de ciencias ou doutras materias que pola súa complexidade o precisen. Ex.: véxase a entrada aceiro que se articula en estrutura, tratamento e propiedades; clasificación e produción.

 

Traducións, adaptacións, transliteracións    

Os topónimos aparecen recollidos na forma galega e indícase a continuación e entre parénteses a forma orixinaria. No caso dos idiomas escritos en alfabeto latino, mantense a ortografía orixinal, e no caso dos idiomas de alfabeto non latino, a forma orixinal aparece transliterada.

Os antropónimos aparecen na forma orixinal ou transliterados agás os nomes históricos que se recollen na nosa lingua.

Deste xeito recóllense na súa forma galega ou adaptada á fonética galega:

a) Os nomes dos estados e dos países de todo o mundo. A maioría destes nomes xa teñen unha tradición no noso idioma. Outros, de formación recente, non gozan desta tradición, e a súa adaptación, como ocorre noutros idiomas románicos, é a miúdo superficial ou mesmo inexistente. Ex.: Malawi, Chad, Kazahistán.

b) A gran toponimia universal pode presentar formas galegas tradicionais. Ex.: Bos Aires, Londres, Milán, Rhin, Volga etc.; ou outras de tradición máis recente, que trataremos de fixar. Ex.: Xohanesburgo, Serra Leona. No referente á Península Ibérica respectamos a súa lingua orixinal.

c) As denominacións de organismos internacionais e as de entidades nacionais en idiomas non latino nin xermánico, salvo que a denominación no idioma orixinal sexa a usualmente coñecida, como Greenpeace, introdúcense na súa denominación galega. Ex.: Organización das Nacións Unidas.

d) Os antropónimos medievais cunha forma galega tradicional de uso moi xeral entran por esta forma. Tamén, os nomes dos papas, reis, príncipes e membros das casas soberanas entran en galego. Ex.: Xoán XXIII, Xoán Carlos I, Alexandre IV.

e) Os nomes de persoa e de lugar da antigüidade clásica grega, latina ou bíblica entran pola súa forma galega, fixada por vía tradicional ou por vía literaria. Ex.: Virxilio, Xasón. Igualmente, os nomes de personaxes da literatura universal. Ex.: Don Quixote.

f) Os nomes de personaxes históricos e actuais importantes de citación frecuente nos escritos cultos entran pola súa forma transcrita marcada pola tradición que remite á forma transliterada. Ex.: Čajkovskij, P’otr lljič é a forma transliterada e Chaikovski, Piotr Ilich, a forma transcrita que remite mediante un envío á anterior que será a que desenvolva o contido da entrada. No caso de personaxes con pseudónimo aparecen as dúas entradas, o pseudónimo que nos remite ó nome completo onde se desenvolve o contido correspondente á entrada.

g) Os títulos de obras literarias e as denominacións tradicionais das obras artísticas entran pola súa tradución galega (ou máis aproximada se o título non ten tradución en galego e indicada esta entre parénteses). Estes títulos tradúcense en todos os casos agás cando van en portugués e castelán, onde respectamos a lingua orixinaria (V a epígrafe "Tradición oral e citas").

Con respecto ós topónimos e antropónimos de culturas que non empregan o alfabeto latino, adóptase o criterio de transliterar, é dicir, dar os equivalentes gráficos do alfabeto orixinal. Tamén cando está fixado pola tradición recórrese á transcrición, é dicir, dar no noso alfabeto o equivalente fonético do orixinal (véxase exemplo do punto f).

Hai linguas nas que só se pode facer a transcrición pero non transliteración (checo, servo-croata...); nestes casos adóptanse os mesmos criterios, isto é, mantense sempre a forma orixinal acompañada da forma adaptada á nosa fonética naqueles nomes con peso na tradición. A transliteración ten, ó noso entender, certas vantaxes: tende á claridade e dá un tratamento paralelo ás formas estranxeiras transliteradas con respecto ás formas estranxeiras do alfabeto latino. Nos nomes dos países de recente independencia facemos unha adaptación fonética dos nomes transliterados, no caso de que o alfabeto de orixe non sexa latino.

O lector atopará as equivalencias gráficas dos signos empregados nas transliteracións das táboas das entradas correspondentes dos diversos alfabetos (árabe, armenio, cirílico, xeorxiano, grego, hebreo) e os equivalentes fonéticos nas transcricións á nosa lingua nos casos en que cumpra.

Nas transliteracións de nomes en alfabeto árabe é necesario notar que non se tiveron en conta diversos signos ortográficos do árabe clásico, nin as vogais de caso. As vogais longas están indicadas: ā, ī, ū. O alif maqsura está representado à e a ta marbut só está indicada (t) en estado construto. A toponimia dos países árabes da área cultural francófona (ex.: Marrocos, Túnez, Alxeria e Mauritania) dáse segundo a súa transcrición fonética francesa, que é máis usual e coñecida.

Os topónimos dos países de lingua indoeuropea, que se escriben non obstante nun alfabeto modificado (ex.: Irán, Afganistán e Paquistán), danse nunha transcrición fonética de base inglesa, usual nestes mesmos países.

Os nomes rusos translitéranse segundo as Normas dos Institutos Científicos de Rusia. Os nomes noutras linguas escritas en cirílico translitéranse normalmente segundo o sistema de ISO, excepto o caso do kha transliterado non por h senón por kh.

Os nomes pertencentes ó mundo cultural hindú aparecen transliterados de acordo co sistema de transliteración do alfabeto devanagari. Os nomes xeográficos actuais e algúns nomes de personaxes contemporáneos veñen dados en transcrición, de base inglesa, usual mesmo nas publicacións indias modernas. O mesmo se fixo cos nomes pertencentes a países con linguas escritas en alfabetos derivados do devanagari. Ex.: Bangla Desh, Myammar, Laos, Nepal, Sri Lanka e Tailandia.

Os nomes gregos modernos translitéranse cando non corresponden a nomes gregos clásicos; estes últimos transcríbense ou galeguízanse, normalmente, segundo os criterios establecidos por C.R. na colección de escritores gregos da F.B.M.

Nas transliteracións de nomes en alfabeto hebreo non se tiveron en conta diversos signos ortográficos. O sewa móbil está indicado por e. O artigo únese á palabra mediante un guión. Ex.: Iehudá ha-Leví. Marcáronse as sílabas tónicas segundo as regras de acentuación galegas. Ex.: Misná, Mosé, Talmud. Nos nomes vivos translitérase w por v (ex.: David, Leví) e o grupo Yi inicial por I (Ishaq). Algúns topónimos importantes de Israel recóllense nunha transcrición de base inglesa, cando esta forma parece máis usual ou coñecida.

A transcrición das palabras chinesas adoptada é a pinyin, oficial na República Popular China. Cando esta transcrición difire da Wade modificada –a máis corrente durante moitos anos–, entra tamén a transcrición neste segundo sistema remitindo á forma pinyin. Nos nomes xeográficos entran tamén algunhas transliteracións menos regulares pero usuais. Para a toponimia de Taiwán consérvanse os sistemas de transcrición de Hepburn e de McCune-Reischauer respectivamente, ambos consagrados internacionalmente.

 

Léxico xeral    

A presente edición da Enciclopedia Galega Universal incorpora un gran número de palabras novas. Estas son, fundamentalmente, de tres clases:

a) Neoloxismos científicos e técnicos que non tiñan cabida nos dicionarios publicados en lingua galega ou ben respondían a conceptos descoñecidos ata agora.

b) Aquelas palabras do léxico común que a miúdo, por razóns de espazo, non aparecen recollidas nas obras lexicográficas pero que a correcta flexión gramatical e o uso fixaron na tradición. Ex.: historicista, xacemento, desertización...

c) Variantes fonéticas e dialectais de uso moi estendido en Galicia. Ex.: abrigadeiro s m  V abrigadoiro.

 

Biografías    

As reseñas biográficas de persoeiros galegos constitúen unha revisión e actualización da súa vida e obra partindo de obras de referencia xa clásicas ás que se incorporan datos froito das investigacións máis recentes, en moitos casos inéditos, que fan da EGU a máis completa base de datos das existentes neste xénero. Tamén teñen entrada todos os títulos nobiliarios de Galicia xunto ós máis importantes de Europa, desenvolvendo convenientemente aqueles máis relacionados co galego. A EGU constitúe unha fonte excepcional de consulta sobre a actividade das personalidades vivas vencelladas ós diferentes eidos de actividade profesional en Galicia.

Nas biografías sistematízanse, despois do encabezamento e entre parénteses, os aspectos cronolóxicos que enmarcan a vida e a obra destes: lugar e data de nacemento - lugar e data da morte. Ex.: Darwin, Charles (Sherewsbury 1809 - Down, Kent 1882). Se se ten coñecemento do día e mes inclúense separados por puntos e a parroquia e o concello separados por comas: Ex.: Loya, Diego Manuel (Pazó, Allariz 22.10.1666 - Nápoles 1750). O descoñecemento dalgúns destes datos indícase cun interrogante. Ex.: Teodomiro (? - Compostela 847).

Nalgúns supostos concretos atopamos trazos especiais que cómpre subliñar:

  • Cando o lugar da morte é o mesmo có de nacemento, este non se repite e, polo tanto, o guión só separa as dúas datas. Ex.: Londres 1916 - 1989.
  • Cando a localidade de nacemento ou da morte é pouco coñecida vai acompañada polo nome da comarca, da rexión ou do país ó que pertence. Ex.: Abad y Queipo, Manuel (Villapedre, Asturias 1751 - Santa María de la Sisla, Toledo 1825). No caso dos personaxes galegos inclúese a parroquia e o concello separados por comas. Ex.: Blanco Blanco, Concha (Lires, Cee, 1950).
  • Os lugares ou datas que non se coñecen de certo ou dos non existe documentación ó respecto gráfanse seguidos inmediatamente por un signo de interrogación.

Nos nomes de persoa non galegos aplícanse as normas establecidas na epígrafe "Traducións, adaptacións, transliteracións".

 

Xeografía    

Dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia recóllense como entradas individualizadas as comarcas históricas e actuais, os concellos e as parroquias, ademais daqueloutras entidades de poboación que pola súa relevancia en calquera aspecto merezan ser introducidas, sen esquecer todo tipo de demarcacións políticas, administrativas ou eclesiásticas, tanto as actuais como as históricas. Recóllense as 53 comarcas administrativas establecidas no Mapa Comarcal de Galicia (do 20 de febreiro de 1997, segundo mandato da Lei 7/1996, de Desenvolvemento Comarcal de Galicia). Do mesmo xeito, no tocante á administración municipal, a EGU contempla os 315 concellos constituídos na data, e as máis de 4.000 parroquias que os integran, que, malia non teren máis ca un recoñecemento simbólico no artellamento administrativo do país, continúan a ser o vencello entre o ser humano e o medio cun maior grao de percepción, de vivencia e de identificación comunitaria. Neste aspecto, cómpre destacar que se recollen as variacións rexistradas na distribución parroquial e municipal, segundo a documentación tirada dos censos de poboación e nomenclátores elaborados polos distintos institutos responsables da estatística española de xeito sistemático dende 1887 e compilada polos profesores Pazo Labrador e Santos Solla (1995). Así mesmo, teñen entrada propia os santuarios, portos, aeroportos e principais vías de comunicación, centros turísticos, edificios e demais elementos do patrimonio arquitectónico monumental ou do patrimonio natural de especial interese. Do mesmo xeito, inclúense os principais accidentes do relevo (serras, montes, chairas, depresións etc.), do litoral (praias, illas, puntas, enseadas, esteiros etc.) e as augas continentais (rede fluvial, lagoas, encoros etc.).

Todos os nomes fican na forma oficial fixada pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, segundo se reflicte no mandato da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística de Galicia.

Polo que respecta ó exterior da nosa comunidade, rexen os criterios que relatamos a continuación: teñen entrada as localidades de máis de 1.500 habitantes do resto dos Estados Ibéricos (España e Portugal, cos seus arquipélagos respectivos e outras posesións); 50.000 para o resto de Europa; 100.000 para o resto do planeta. Téñense en conta, non obstante, as capitais de territorios oficial e administrativamente recoñecidos. Isto explica o aparente paradoxo de que algún núcleo pouco populoso, pero capital de Estado, sexa recollido, namentres quedan excluídos outros meirandes. Inclúense tamén as divisións administrativas de primeira orde, as principais rexións xeográficas e os centros económicos (mineiros, industriais, pesqueiros, de transportes etc.), culturais, históricos, relixiosos ou de calquera tipo máis relevantes. As formas adoptadas para a toponimia estranxeira xa foron explicadas con anterioridade na epígrafe "Traducións, adaptacións, transliteracións".

 

Cartografía    

A EGU incorpora mapas dos 315 concellos galegos constituídos na data e das 53 comarcas establecidas no Mapa Comarcal de Galicia aprobado polo Parlamento en 1997, sendo a primeira publicación non oficial que as recolle. Esta cartografía foi elaborada ex profeso polo Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, cos últimos avances en canto a recollida de datos e composición. A proxección empregada correspóndese coa Elipsoide Internacional, Coordenadas UTM, Fuso 29, Datum Europeo 50.

Ademais, inclúense mapas das comunidades autónomas do estado español, dos continentes e dos principais estados do mundo, así como cartografía temática, especialmente mapas económicos e históricos, co obxectivo de ampliar ou concretar a información do texto.

 

Ciencias biolóxicas    

A estreita relación do home coa terra e a variedade de medios tanto mariños coma terrestres que comprende Galicia deu lugar a un amplo patrimonio léxico referido á natureza que constitúe, no seu conxunto, un dos corpus culturais máis sobresaíntes da lingua galega. Neste sentido, un dos obxectivos da EGU é reflectir e manter este patrimonio.

Algúns dos nomes comúns de seres vivos que forman parte deste corpus presentan gran variedade de formas galegas vivas na fala, o que facía inviable un tratamento particularizado de cada unha delas, polo que a EGU resolveu escoller unha forma central que contivese a descrición e a correspondencia científica. A organización destes termos, relativos a animais e plantas etc., resultou dunha selección entre nomes presentes na realidade galega ou como consecuencia dunha adaptación ou derivación de formas latinas ou doutras linguas. Esta escolla, baseada en bibliografía especializada e en traballos aínda inéditos, fíxose co asesoramento de recoñecidos especialistas e cunha intención regularizadora, e sempre co obxectivo de conservar a totalidade dos outros termos que, en calidade de sinónimos ou variantes, tamén ocupan un espazo na EGU. Estas formas levan ao lector á entrada principal que contén a definición do concepto.

abeluria s f [PLANTA] estraloque. 

bilicroque s m [PLANTA] estraloque. 

estraloque

< estralar
Nome científico: [Digitalis purpurea, Fam das escrofulariáceas]
s m [PLANTA ]

Herbácea bianual e pilosa, de ata 1,5 m de altura, de follas de máis de 5 cm de lonxitude

Respecto á fauna invertebrada, están representadas na EGU as distintas categorías taxonómicas ata o nivel de familia, no que se escollen as máis destacadas; ademais, chégase ó nivel de especie nos casos en que estea recollido un nome vulgar. Na fauna vertebrada, máis reducida, trátanse todas as especies de mamíferos, peixes, réptiles e anfibios propios de Galicia e de aves, mesmo as migratorias pouco comúns.

A flora presenta tamén unha ampla variedade de especies. Por esta razón, trátanse todos os xéneros presentes en Galicia e, dentro das especies, as que son máis comúns e as que, aínda que raras, son moi significativas.

En relación ás especies de fauna e flora foráneas, escóllense as que tradicionalmente se consideraron de carácter universal.

Trátanse con especial atención os ecosistemas e os espazos e parques naturais de Galicia.

A EGU segue o sistema de clasificación dos seres vivos aceptado pola comunidade científica baseado en dous criterios: nivel de organización e tipo de nutrición. Neste sistema recoñécense tres niveis: procariota (reino Monera), eucariótico unicelular (reino Protista) e eucariótico pluricelular, que se subdivide segundo os tipos principais de nutrición: fotosíntese (reino Planta), inxestión (reino Animal) e absorción (reino Fungo). Así, cando a entrada corresponda a unha especie de ser vivo, a materia indicará o reino ó que pertence.

As entradas de animais, plantas etc. levan o nome científico correspondente e a indicación do grupo taxonómico ó que pertencen. Ó mesmo tempo, nas entradas de categoría taxonómica faise referencia ás anteriores e posteriores, de xeito que se poida establecer unha relación entre todas que permita ir do xeral (flora, fauna) ó particular (especie) e viceversa.

As plantas, as estruturas anatómicas etc. trátanse segundo a súa importancia intrínseca e definidas en función delas mesmas, onde se pon unha especial atención naqueles aspectos que afectan ou interesan ó home. Apéndice vermiforme, por exemplo, é unha estrutura presente en diversas especies animais que se tratan dende un punto de vista anatómico, fisiolóxico e evolutivo antes de falar das consecuencias que na especie humana pode ter a súa inflamación; chegado o momento, isto si, dedícase unha atención especial a este aspecto patolóxico. Do mesmo xeito, faise referencia ós usos medicinais e ás propiedades máxicas que se lles atribúe a certas especies de plantas, animais e fungos.

No tratamento dos órganos, aparatos, sistemas etc. do corpo humano, non se recollen xeralmente as enfermidades que son subsceptibles de contraer, xa que se considera que este aspecto, se ben interesante, é accidental por completo. Cando se describen as doenzas exponse, por razóns semellantes, o cadro clínico pero non se detalla a terapéutica con que son tratadas, a cal é diferente segundo as escolas, tendencias, medios de que se dispón etc.; aínda que nalgúns casos cumpra facer excepcións.

De entre os músculos, ósos, nervios, arterias etc., soamente teñen entrada independente aqueles que posúen un nome de seu e unha importancia ben significativa: aorta, tibia, bíceps etc.; os outros consígnanse á entrada xeral arteria, óso, músculo etc., xa no mesmo artigo, xa en cadros, gráficos ou debuxos fóra do texto.

 

Ciencias físicas e exactas, tecnoloxía    

Nas ciencias e na tecnoloxía, a EGU trata de reflectir a importancia que estas cobraron na nosa civilización e ata na vida cotiá e, xa que logo, incorpora numerosos termos. Establécese unha selección –baseada sobre todo no interese principal de utilidade para o lector– e, en principio, evítanse sinónimos en desuso, as palabras de porvir incerto e as que teñen un interese demasiado limitado ou son excesivamente abstractas e utilizadas unicamente polos especialistas, principalmente cando non teñen valor lexicográfico.

Os sales metálicos, nos cales, en xeral, o metal conta máis có anión, teñen sempre entrada polo nome do metal, mentres que os ésteres teñen entrada polo nome do radical ácido, que, en xeral, determina moito máis có radical alcohólico as propiedades da molécula.

Séguense as normas internacionais sobre a nomenclatura química (IUPAC), previa á súa adaptación ó galego, tal como se fai en todas as linguas. Tamén se respectaron as normas internacionais sobre o nome e os símbolos das unidades (Sistema Internacional de Unidades, SI) e así desígnanse coa forma establecida internacionalmente. Ex.: coulomb, joule etc. En canto ó nome e ós símbolos das magnitudes físicas, seguíronse as recomendacións da comisión SUN da IUPAC.

Ás veces, a extensión asignada a algunhas materias responde máis á súa importancia potencial ca ó seu desenvolvemento presente, pero nestes casos a EGU segue as previsións universalmente aceptadas e prefire o risco do exceso, nalgún caso específico, ó perigo de quedar obsoleto na maioría dos outros. No campo da ciencia e da técnica procúrase especialmente completar o contido do artigo coa ilustración correspondente (fotografía, debuxo, esquema).

 

Ciencias sociais, humanidades    

No ámbito das Ciencias Sociais, Humanidades e disciplinas afíns pártese da sólida base que supón o coñecemento das obras fundamentais na conformación da nosa tradición investigadora, ás que a EGU incorpora as últimas tendencias no tratamento dos temas que aborda, así como enfoques novidosos e análises ata o de agora inéditos en obras de divulgación, procurando corresponder fielmente ó presente sen caer no excesivo actualismo que prexudica a obra de compendio.

Dedícase axeitada atención a disciplinas como antropoloxía, etnografía e etnoloxía, arqueoloxía, arte e patrimonio cultural, filoloxía e lingüística, paleografía e epigrafía, arquivística, heráldica, música, educación etc. A EGU pretende que nos seus contidos aparezan tratados correctamente os aspectos da cultura tradicional, tanto material (ex.: artesanía) como ideolóxica (lenda, mitoloxía etc.) que constitúen o ser galego actual.

A EGU dá conta de todos os Bens de Interese Cultural (BIC) recollidos no inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, así como dos monumentos do Camiño de Santiago, pola relevancia que tivo a tradición xacobea para a conformación da nosa cultura. Xunto a eles, as artes da imaxe como fotografía, cine ou deseño gráfico teñen tamén un espazo na EGU, pola repercusión artística e social que na actualidade posúen. Igualmente, o deporte, tanto polo seu papel na educación física coma nos espectáculos e medios de comunicación, figura cun tratamento axeitado.

 

Lexislación e xurisprudencia    

Dentro do xurídico, no que atinxe ó dereito privado, dáselle relevo ó galego, mentres que o referente a outros aspectos remite ó dereito español en vixencia, recorréndose á lexislación comparada cando convén a efectos de claridade e precisión. Queda así mesmo reflectida a xurisprudencia histórica galega, así como a interpretación dos seus aspectos máis destacados. Numerosas voces que non pertencen á terminoloxía legal máis propiamente dita presentan facetas importantes relacionadas coa xurisprudencia (palabras como auga, monte ou patrimonio) que quedan debidamente reflectidas na entrada correspondente.

 

Empresas e finanzas      

As máis importantes entidades financeiras e as empresas de maior volume de negocios do mundo, así como as correspondentes ó estado español, están debidamente reseñadas conforme ós datos máis actualizados dos que se dispón. As entidades de negocios e as denominacións empresariais galegas son en calquera caso obxecto de especial consideración por parte da EGU.