"Cyrano de Bergerac" (Contén)
Mostrando 3 resultados de 3.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Obra dramática escrita por Edmond Rostand en 1897. É unha traxicomedia estruturada en cinco actos e escrita en verso. Os catro primeiros actos desenvólvense no ano 1640 e o quinto en 1655. A figura de Cyrano serve de prototipo do heroe romántico que triunfa sobre as adversidades e consegue o amor da dama. O seu esaxerado nariz é un elemento fundamental no desenvolvemento do drama e ten un papel destacado. Cyrano ama a Roxanne, pero non se atreve a declararlle o seu amor por mor do seu defecto físico. Axuda a Christian de Neuvillette, un nobre cabaleiro sen enxeño, a conseguir tamén o amor de Roxanne escribíndolle cartas de amor para ela. Despois de casar con Roxanne, Christian morre na guerra e Cyrano non descobre o engano das cartas ata que nunha visita ao convento ela se decata. Finalmente, Roxanne confesa, mentres Cyrano agoniza, o seu amor por el.
-
VER O DETALLE DO TERMO
Produción cinematográfica francesa realizada en 1990. Foi dirixida por Jean-Paul Rappenau e interpretada por Gérard Depardieu, Anne Brochet, Vincent Pérez e Jacques Weber. Trátase dunha adaptación da obra teatral de Edmond Rostand, da que xa se fixeran outras versións anteriores, entre as que destacan a versión muda realizada en 1923 por Augusto Genina e protagonizada por Pierre Magnier; a realizada en 1945 polo francés Fernand Rivers; ou a dirixida en 1950 polo norteamericano Michael Gordon e protagonizada por José Ferrer, interpretación coa que gañou un Oscar ese ano. A versión de Rappenau destaca polo tratamento do tema amoroso e da relación indirecta entre Cyrano e Roxanne. Esta produción gañou un César na edición de 1990.
-
PERSOEIRO
Poeta e dramaturgo. Librepensador, gozou de considerable fama tanto polo carácter satírico dos seus textos como polo seu nariz grande. Foi autor de obras, como Mort d’Agrippine (A morte de Agripina, 1653) e Le Pédant joué (O pedante enganado, 1654); e de dous libros de ciencia fición, Histoire Comique des États et Empires de la Lune (Historia cómica dos estados e imperios da Lúa, 1656) e Histoire Comique des États et Empires du Soleil (Historia cómica dos estados e dos imperios do Sol, 1661), onde realiza unha crítica das institucións sociais e políticas do seu tempo. Foi inmortalizado por Edmond Rostand na obra homónima, Cyrano de Bergerac (1897).
VER O DETALLE DO TERMO