Publicación editada a partir de 1873 en Ferrol e que non cesou a súa edición cando menos ata 1883. De tendencia monárquico-liberal, subtitulouse “De noticias y anuncios” e defendeu os intereses da Mariña. Imprimíase nos obradoiros tipográficos de Nicasio Taxonera. Incluíu crónica local, novas relacionadas coa Mariña e diversos artigos de variedades.
Xornal de información xeral publicado a partir do día 2 de xuño de 1999 en Ferrol que, xunto con El Ideal Gallego, Deporte Campeón e Diario de Arousa, pertence ao grupo La Capital S L. Fundado e dirixido por Germán Castro Tomé, como diario que inclúe ademais información comarcal, abrangue unha área que comprende as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, cunha poboación aproximada de 200.000 habitantes. Dedica ao redor de trinta e cinco páxinas, amais da portada e da contraportada, ás noticias que xeran as comarcas, que se suman ás que introducen contidos xerais. Publica diversos monográficos e os domingos entrega a revista La Mirada e o suplemento Nordesía, que contén reportaxes, artigos e colaboracións de carácter local, xunto con ampla información gráfica sobre a vida social de Ferrol e das comarcas.