Municipio do territorio de Bizkaia, Euskadi, situado ao SL de Bilbao, no val do río Ibaizabal (23.909 h [1996]). É o centro económico e comercial da comarca do Duranguesado. A súa economía baséase na industria, especialmente na siderurxia e na metalurxia. Fundada en 1180, no s XIX foi un activo centro carlista. Do seu patrimonio monumental destacan as igrexas de Uribarriko Andra Mariaren (s XIV) e a de San Pedro Tabirako (ss XV-XVII), a Kurutziagako, un cruceiro medieval, e o arco Santa Anako (s XVI).
Capital do estado homónimo, México, situada nos contrafortes de Sierra Madre Occidental (464.566 h [estim 1995]). A gandería é a principal actividade económica, principalmente a cría de gando porcino, bovino e caprino, que se exporta a EE UU. Tamén é importante a agricultura, sobre todo os cultivos de algodón, cereais, viña e árbores froiteiras. Na industria destaca a elaboración de produtos lácteos, a cervexa e o sector téxtil. Do seu patrimonio monumental cómpre salientar a catedral (ss XVII-XVIII).
Estado do NO de México, situado entre Sierra Madre Occidental e a parte O da Altiplanicie Mexicana (123.181 km2; 1.431.748 h [estim 1995]). A capital é Durango. A metade da poboación dedícase á agricultura, que é principalmente cerealista. A gandería é bastante importante, xa que é o principal exportador de carne bovina de México. Posúe xacementos de ferro que son explotados por unha pequena industria metalúrxica. Na época colonial formou parte da provincia de Nueva Vizcaya, que en 1760 se constituíu en vicerreinado. Converteuse en estado en 1824.