Nome hebreo composto de El (apócope de Elohim ‘Deus’) e o verbo ish’ ‘salvar, axudar’, isto é, ‘Deus é salvador’. Introduciuse na lingua a través do grego ἐ λισα ῐ ος e o latín eclesiástico Elisaeus. Presenta a variante Eliseo e o hipocorístico Cholo. Eliseu foi un profeta bíblico (s IX a C) discípulo e sucesor de Elías. A súa festividade celébrase o 14 de xuño.
Profeta de Israel, discípulo e sucesor de Elías. A súa historia nárrase no Antigo Testamento, no primeiro Libro dos Reis. Era un labrego do que conta a lenda que, cando estaba a realizar as súas tarefas no campo, se lle achegou Elías, quen lle puxo o seu propio manto sobre os ombreiros; este acto significaba que fora designado por Deus para sucedelo no seu labor profético predicando o iavismo e combatendo a idolatría e os cultos pagáns a deuses fenicios como Baal e Astarté. Foi conselleiro do rei de Israel e atribúenselle numerosos milagres e predicións. Na iconografía leva unha túnica e un palio, e como atributos, unha aguia ou pomba de dúas cabezas (símbolo do dobre espírito) e un oso. A súa festividade celébrase o 14 de xuño.