Antropónimo masculino que deriva do inglés Macbeth, forma anglicanizada do antigo nome persoal escocés Mac (prefixo patronímico gaélico) e Bheatha (nome persoal derivado do gaélico beatha ‘vida’).
Rei de Escocia (1040-1054) e conde de Moray. Cabeza do Partido Céltico, opúxose ao Rei Duncan I, e despois de matalo, gobernou o reino. Cando Siward de Northumbria invadiu o país, foi derrotado e perdeu Escocia meridional. Continuou a loita ao N, pero foi asasinado por Malcolm, fillo do Rei Duncan.
Traxedia escrita, cara a 1605, por William Shakespeare, en 5 actos, inspirada na figura do Rei Macbeth de Escocia. O autor, para a obra, baseouse na crónica que realizara sobre este rei Holinshed. En medio dunha atmosfera de dúbida e terror, os personaxes agrúpanse ao redor do rexicidio e a ambición de Macbeth e lady Macbeth, arquetipos que avanzarán cara á fatalidade do seu destino.