Lago máis oriental e pequeno dos Grandes Lagos americanos, comprendido entre a provincia canadense de Ontario e o estado de New York, EE UU (18.941 km2). O seu principal afluente é o Niágara e o seu emisario o San Lourenzo. O canal Welland úneo co lago Erie. Os seus portos principais son os de Toronto e Hamilton na beira canadense, e os de Rochester e Oswego na beira estadounidense.
Provincia de Canadá que limita con Québec ao L, co río San Lourenzo e os Grandes Lagos ao S, con Manitoba ao O e coas badías de Hudson e James ao N (1.068.580 km2; 11.410.046 h [2001]). A súa capital é Toronto. O seu territorio, chairo na súa maior parte, acusa os efectos da glaciación, con presenza de numerosas concas lacustres e acumulación de depósitos morénicos. A industria é a primeira actividade económica e destacan a siderurxia, a fabricación de maquinaria agrícola, automóbiles, construcións eléctricas e a industria química e alimentaria. Toronto, Hamilton, Brantford, Niagara Falls e Windsor son as principais áreas industriais. O sector agrícola presenta un elevado grao de mecanización, completando as actividades económicas, unha racional explotación gandeira e o aproveitamento forestal. Os grandes núcleos urbanos, Toronto, Hamilton, Ottawa, London e Kitchener, concentran as actividades terciarias. Samuel de Champlain explorou o territorio en 1615, que en 1763...