Río de Canadá, principal tributario do San Lourenzo (1.120 km de lonxitude), que está situado preto do altiplano laurentiano. Corre cara ao lago Timiskaming e despois xira cara ao SL, onde forma o límite entre as provincias de Québec e Ontario.
Capital de Canadá, situada ao SO da provincia de Ontario, na confluencia dos ríos Rideau, Gatineau e Ottawa (323.340 h [1996]). O núcleo central conserva un carácter tradicional, pero o resto da área urbana tivo remodelacións recentes como os novos barrios residenciais ao leste, un moderno sector administrativo no centro e un cinto verde ao redor da área urbanizada e nas ribeiras do Rideau. Na industria destaca a produción de maquinaria téxtil, a química e a electromecánica. Ten aeroporto internacional e centros de estudos superiores. A raíz da construción do canal Rideau (1827), converteuse, co nome de Bytown, en centro de comunicacións. En 1855 cambiou o nome ao actual, obtivo o título de cidade e en 1857, por orde de Vitoria I de Inglaterra, converteuse na capital de Canadá.