Antropónimo masculino que provén do latín Priscillianus, patronímico de Priscillus ‘da familia de Priscilo ou de Priscila’. A súa festividade celébrase o 14 de xaneiro.
Heresiarca. Descoñécese o seu lugar de nacemento, probablemente en Lusitania ou en Gallaecia. Escribiu numerosas obras das que coñecemos o prólogo aos Canones in Pauli apostoli epistolas e os 90 Canones, tamén se lle atribúe, aínda que con dúbidas, os 11 Tractatus de Würzburg. Descoñecese cal foi a sua formación, que algúns conceden á muller nobre Ágape e ao retórico Elpidio. A súa doutrina baseouse no gnosticismo, o maniqueísmo, o arianismo, as prácticas máxicas e as crenzas astrolóxicas. Defendeu o ascetismo, o celibato, a renuncia aos bens mundanos, a abstención da carne e do alcohol, o afastamento da igrexa durante a Cuaresma e o Nadal, o estudo das Escrituras, incluíndo os textos apócrifos, a defensa da igualdade de sexos e estamentos sociais entre os crentes, o don de profecía sen mediación xerárquica e a existencia de graos entre os crentes segundo o coñecemento. Entre os seus seguidores contou con xente culta e de certo nivel económico, mulleres e algúns bispos como Instancio...