Capital de San Marino, situada na vertente occidental do monte Titano (2.294 h [1997]). Conserva o aspecto medieval, cos tres muros graduados e concéntricos (ss XIII-XVI). Destacan as tres torres, Rocca ou Guaita, Cesta e Montale (ss XI-XIII), e o palacio Valloni (ss XV-XVIII).
Pequeno estado que forma un enclave independente e soberano dentro do territorio de Italia, entre as provincias de Forli, Pesaro e Urbino (61 km2; 27.000 h [estim 2001]). A súa capital é San Marino. Xeografía Trátase dun territorio moi accidentado, onde destaca o bloque calcario do monte Titano (738 m) e os outeiros arxilosos que o rodean. O clima é mediterráneo, cálido no verán, e frío e húmido no inverno. Varios ríos, Fiumicello, Ranco, Flocca e San Marino, atravesan o territorio. O turismo, a fonte principal de riqueza, é un sector que activa outros negocios paralelos como a venda de artesanías e de selos. Son importantes as remesas de cartos que proceden da poboación emigrada, instalada preferentemente en Italia e noutros países veciños. A agricultura produce trigo, uvas e cebada. A industria é fundamentalmente alimentaria. O 88,7% da poboación é urbana. Entre San Marino e Italia existe unha unión aduaneira e convencións no campo...