"Ugarit" (Contén)

Mostrando 2 resultados de 2.

  • Antiga cidade de Siria, situada a uns 11 km de Latakia, ao N, actual Ras Šamra. A súa excelente posición xeográfica permitíalle controlar unha parte das rutas terrestres entre Anatolia e Siria e as que conducían a Mesopotamia, e as marítimas con Exipto, Chipre e Anatolia. Florecente desde o s XVIII a C, o primeiro rei documentado foi Ammištamru I (1385? a C), vasalo do faraón Amenhotep III. O seu fillo Niqmaddu II (?-1345 a C) incorporou Ugarit ao bando hitita. O seu fillo Ar- ḫ alba (1345?-1336 a C) participou nunha coalición antihitita e, derrotada esta, Urgarit perdeu unha terceira parte do territorio. Foi sucedido polo seu irmán Niqmepa’ (1336?-1265? a C), que foi fiel aos hititas. Durante o reinado de Ibiranu (1235?-1205? a C) parece que as relacións cos hititas se arrefriaron. Baixo Ammurapi (1200? a C) Ugarit deixou de existir, probablemente a consecuencia dos ataques dos pobos do mar ou por causas naturais, como un terremoto.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente á antiga Ugarit, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. Natural ou habitante de Ugarit.

    3. Antiga lingua semítica noroccidental do phylum afroasiático que se falaba en Ugarit. As características principais son a existencia dunha forma dobre do pronome independente de primeira persoa, como en hebreo e en fenicio (ank an), o uso dun pronome dual de primeira e terceira persoa no caso dos pronomes posesivos e da primeira persoa no dos acusativos, a ampla utilización do dual nos substantivos (de todas as linguas semíticas o ugarítico é o que máis emprega este número), e a existencia de nove conxugacións, a máis característica delas é a causativa con pre-formativa š. O desciframento da escritura ugarítica permitiu interpretar unha serie de escritos administrativos, epistolográficos, relixiosos, hipolóxicos, misceláneos e, sobre todo, literarios, como O ciclo de Baal e Anat, O nacemento dos deuses e O matrimonio da Lúa e de Nikkal, que botan luz sobre o AntigoTestamento.

    4. Escritura propia da lingua ugarítica. Hai que cualificala de cuneiforme, en tanto que emprega o gravado sobre a arxila como método gráfico. É alfabética, e componse de trinta signos, entre os que hai tres alef, que reproducen os sons vocálicos a, i e u. A pesar diso, o ugarítico non anota as vogais, pero, a diferenza de moitas das escrituras semíticas, escríbese case sempre de esquerda a dereita. Foi descifrado por H. Bauer, E. Dhorme e Ch. Virolledaud.

    VER O DETALLE DO TERMO