Concello da comarca de Betanzos, situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, na provincia da Coruña (43° 04’ 00’’ N- 8° 07’10’’ O). Limita ao N co concello de Curtis (comarca de Betanzos), ao L con Sobrado dos Monxes (Terra de Melide), ao S con Sobrado dos Monxes (Terra de Melide) e Boimorto (Arzúa), e ao O con Mesía (Ordes). Abrangue unha superficie de 59,2 km 2 cunha poboación de 1.469 h (2007) distribuída nas parroquias de Armental, Barbeito, Mezonzo, Présaras, San Vicenzo de Curtis, Vilariño e Vilasantar. A capital está no lugar de Ru, na parroquia de Vilasantar. Sitúase a 51 km de Santiago de Compostela e a 48 km da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Betanzos. Xeografía física O territorio de Vilasantar é unha chaira de moderada altitude, entre os 350 e os 600 m (monte Enxameno, 609 m), na que apenas existen resaltes e si unha sucesión de suaves pendentes condicionadas pola débil acción erosiva fluvial....