Antropónimo masculino de orixe semítica que chegou ao galego a través da forma latina Zacchaeus e a grega Zakchaios, correspondente ao nome persoal hebreo Zakkai que aparece no Antigo Testamento e nos Evanxeos. Interpretouse como ‘puro’ (zak ‘puro’) e, polo tanto, relacionado coa raíz verbal zkh ‘ser puro’; aínda así parece máis probable que sexa unha etimoloxía popular e que o hebreo Zakkai sexa unha forma hipocorística do nome Zekharyâh, que deu lugar a Zacarías.
Publicano de Xericó. Segundo o Evanxeo de San Lucas, debido á súa baixa estatura, subiuse a unha árbore para ver a entrada de Xesús quen o mandou baixar e parou na súa casa.