Revista publicada en Bos Aires a partir de outubro de 1951 e que cesou ao ano seguinte. Subtitulouse “Revista de Galicia en América”, os seus fundadores foron Teodoro Campos, Xosé Conde Fernández e Eliseo Alonso, e dirixiuna este último. Saíron só catro números, cunha periodicidade irregular. Coas homenaxes a Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enríquez e Valle-Inclán cumpriu o seu obxectivo de promocionar a cultura galega. Incluíu seccións de deportes, cine, teatro ou reportaxes e un apartado literario onde integrou poesías e o humor.
Revista publicada en Madrid a partir de xullo de 1952, baixo o subtítulo “Órgano del Centro Gallego de Madrid”, institución da que foi voceira. Sen periodicidade fixa, estivo dirixida por Manuel Fraga de Lis, que a orientou cara a unha postura oficialista, e ofreceu unha proxección cultural de Galicia sen ofrecer moita información sobre os problemas dos emigrantes galegos en Madrid. Incluíu poemas, contos, biografías de literatos galegos e artigos da historia e das tradicións de Galicia. En 1959 tivo a segunda época, a partir de 1968 comezou unha terceira, marcada por un cambio de deseño e unha redución do seu apartado literario, ata que en 1996 iniciou a súa cuarta época.
Xornal publicado en Bos Aires a partir do 21 de agosto de 1980. Substituíu a Lugo, a publicación editada polo Centro Lucense de Bos Aires que desaparecera en maio dese ano. Foi o xornal oficial do Centro Galicia de Bos Aires e distribuíuse de balde. De periodicidade irregular, estivo dirixido por Óscar Gañete Blasco, Gabriel López Penelo e Manuel Caramelo Gómez. Roberto Luis Moskowich foi o seu correspondente en Galicia. De escasa calidade literaria, cabe destacar os artigos de Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell ou Álvaro Cunqueiro.