Concello da comarca da Limia, situado no centro-S da provincia de Ourense e no S da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 05’ de latitude N e 7° 31’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Vilar de Barrio (comarca da Limia), ao L cos de Laza e Cualedro (comarca de Verín), ao S co de Trasmiras (comarca da Lima), e ao O co de Xinzo de Limia (comarca da Limia) e co de Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda). Abrangue unha superficie de 77,3 km 2 en que acolle unha poboación de 1.680 h (2007), distribuída entre as parroquias de Bresmaus, Codosedo, Cortegada, Freixo, Lodoselo, Nocelo da Pena, Paradiña, Perrelos e Sarreaus. A capital está no lugar de Sarreaus, na parroquia homónima, localizada a 58 km de Ourense e a 163 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Xinzo de Limia. Xeografía física O espazo do concello pódese dividir en dous sectores claramente diferenciados....