Río dos EE UU, afluente do Mississippi pola marxe dereita. Ten unha lonxitude de 2.300 km. Nace nas montañas Rochosas no estado de Colorado, percorre parte das Grandes Chairas, pasa por Pueblo, Hutchinson e Wichita, Tulsa, Fort Smith e Little Rock, e desemboca no río Mississippi, ao N de Greenville. Os principais afluentes son o Cimarron, o Canadian e o Neosho. O caudal é moi variable.
Estado dos EE UU, na rexión Central Sur-Occidental (137.755 km2; 2.509.793 h [1996]). O solo está formado por rochas sedimentarias, con ondulacións do terreo ao O e ao N, mentres que ao L está cuberto polos sedimentos do Missouri. Ao S forma parte da chaira litoral. O relevo é baixo, e comprende ao N parte do altiplano de Ozark, accidentada polos montes de Boston, máis ao centro, que separan o val sinclinal de Arkansas dos montes de Owachita, ao S. A rede hidrográfica está formada polo Missouri e polos seus afluentes da marxe dereita. O clima é suave, con invernos moi curtos. Estado esencialmente agrícola, presenta problemas ecolóxicos derivados da enorme incidencia da erosión. A explotación forestal ten unha grande importancia, con industrias derivadas: mobles, pasta de madeira e papel. A capital é Little Rock. Os territorios do actual estado de Arkansas foron explorados primeiramente por Hernando de Soto (1541-1542), e despois polos franceses Marquette e Joliet (1673), e La...