Arkansas
Estado dos EE UU, na rexión Central Sur-Occidental (137.755 km2; 2.509.793 h [1996]). O solo está formado por rochas sedimentarias, con ondulacións do terreo ao O e ao N, mentres que ao L está cuberto polos sedimentos do Missouri. Ao S forma parte da chaira litoral. O relevo é baixo, e comprende ao N parte do altiplano de Ozark, accidentada polos montes de Boston, máis ao centro, que separan o val sinclinal de Arkansas dos montes de Owachita, ao S. A rede hidrográfica está formada polo Missouri e polos seus afluentes da marxe dereita. O clima é suave, con invernos moi curtos. Estado esencialmente agrícola, presenta problemas ecolóxicos derivados da enorme incidencia da erosión. A explotación forestal ten unha grande importancia, con industrias derivadas: mobles, pasta de madeira e papel. A capital é Little Rock. Os territorios do actual estado de Arkansas foron explorados primeiramente por Hernando de Soto (1541-1542), e despois polos franceses Marquette e Joliet (1673), e La Salle (1682). A rexión entrou a formar parte da Louisiana e seguiu unha evolución semellante. Ao constituírse o estado de Louisiana (1812), Arkansas pasou a formar parte do territorio de Missouri. Admitida como un estado federal escravista o 15 de xuño de 1836, participou na Guerra de Secesión (1861-1865) do lado confederado.