Administración revolucionaria de París (1789-1795). A partir do 14 de xullo de 1789 substituíu o corpo municipal e presidiuna Bailly. A Comuna insurreccional (9 de agosto de 1792) converteuse no verdadeiro motor da revolución, pero aceptou a súa substitución progresiva (setembro de 1793) polo Comité de Salvación Pública. Coa súa caída desapareceu como forza política, aínda que continuou funcionando ata a disolución da Convención.
Insurrección revolucionaria acontecida en París do 18 de marzo ao 28 de maio de 1871. Iniciouse cando Thiers, nomeado xefe do poder executivo pola Asemblea Nacional de Bordeos, tentou desarmar a Garda Nacional de París, sitiada polo exército prusiano de Bismarck. A resposta popular, coa ocupación do concello e a execución de dous xenerais, obrigou a Thiers a fuxir a Versailles. Ademais do comité central da Garda Nacional, os grupos revolucionarios de París constituíano fundamentalmente os xacobinos, os partidarios de Blanche e os obreiros internacionalistas. Estes grupos enfrontáronse coa burguesía, que se aproximara ás tendencias de Bismarck. O 26 de marzo, o comité central da Garda Nacional organizou, mediante sufraxio universal, a elección dunha “Comuna”, composta sobre todo por xacobinos e partidarios de Blanche. A Comuna constituíuse desde un principio como órgano executivo e lexislativo. Substituíu o exército permanente pola Garda Nacional, puxo a policía e toda a administración baixo...