Comuna de París

Comuna de París

Insurrección revolucionaria acontecida en París do 18 de marzo ao 28 de maio de 1871. Iniciouse cando Thiers, nomeado xefe do poder executivo pola Asemblea Nacional de Bordeos, tentou desarmar a Garda Nacional de París, sitiada polo exército prusiano de Bismarck. A resposta popular, coa ocupación do concello e a execución de dous xenerais, obrigou a Thiers a fuxir a Versailles. Ademais do comité central da Garda Nacional, os grupos revolucionarios de París constituíano fundamentalmente os xacobinos, os partidarios de Blanche e os obreiros internacionalistas. Estes grupos enfrontáronse coa burguesía, que se aproximara ás tendencias de Bismarck. O 26 de marzo, o comité central da Garda Nacional organizou, mediante sufraxio universal, a elección dunha “Comuna”, composta sobre todo por xacobinos e partidarios de Blanche. A Comuna constituíuse desde un principio como órgano executivo e lexislativo. Substituíu o exército permanente pola Garda Nacional, puxo a policía e toda a administración baixo a súa autoridade directa, e ditou a separación da Igrexa e do Estado, o ensino gratuíto e a elixibilidade dos órganos de xustiza. Por outra banda, os talleres abandonados polos seus donos adxudicáronselle ás asociacións obreiras. Malia todo, a Comuna non tiña un programa revolucionario definido: a Banca de Francia, que non foi confiscada, financiou en secreto a Thiers, que puido illar París e, coa axuda de Bismarck, reorganizar o exército. Por outro lado, a dirección da situación militar por parte da Comuna tivo como principal dificultade a existencia de diferentes centros de decisión. O 21 de maio, as tropas de Mac-Mahon penetraron en París; Thiers inaugurou entón un período de forte represión, con numerosas execucións e deportacións. A derrota da Comuna influíu decisivamente na proliferación do movemento obreiro internacionalista.

Palabras veciñas

comuna | comuña | Comuna de París | Comuna de París | comunal | comunalismo | comunalista