Río da cordilleira dos Apalaches, EE UU (631 km). Nace nas Green Montains, discorre en dirección N-S e desemboca no Océano Atlántico, no estreito de Long Island. É navegable ata Hartford.
Estado dos EE UU (12.997 km2; 3.269.858 h [estim 1997]). A súa capital é Hartford (133.086 h [1996]). Esténdese dende o pé dos Apalaches ata a chaira costeira. No seu relevo destacan os montes Taconic e as terras altas de Nova Inglaterra. A rede fluvial está formada por eixes lonxitudinais de dirección N-S, onde destaca o río Connecticut. A maior parte do territorio está cuberto por cultivos e pastos. Na gandería está moi estendida a cría de aves. A industria é o sector máis desenvolvido e destaca a fabricación de motores para avións, maquinaria eléctrica, reloxos, produtos químicos e alimentos procesados. Ten unha densidade de poboación (229 h/km2) superior á media existente en EE UU. O 87% da poboación é branca, un 8,3% negra e hai pequenas comunidades chinesas, indio-asiáticas e hispanas. As principais cidades son: Hartford, Bridgeport e New Haven. En 1614, o holandés Adriaen Block navegou polo río Connecticut e en 1633 comezou a colonización cun asentamento holandés...