Connecticut

Connecticut

Estado dos EE UU (12.997 km2; 3.269.858 h [estim 1997]). A súa capital é Hartford (133.086 h [1996]). Esténdese dende o pé dos Apalaches ata a chaira costeira. No seu relevo destacan os montes Taconic e as terras altas de Nova Inglaterra. A rede fluvial está formada por eixes lonxitudinais de dirección N-S, onde destaca o río Connecticut. A maior parte do territorio está cuberto por cultivos e pastos. Na gandería está moi estendida a cría de aves. A industria é o sector máis desenvolvido e destaca a fabricación de motores para avións, maquinaria eléctrica, reloxos, produtos químicos e alimentos procesados. Ten unha densidade de poboación (229 h/km2) superior á media existente en EE UU. O 87% da poboación é branca, un 8,3% negra e hai pequenas comunidades chinesas, indio-asiáticas e hispanas. As principais cidades son: Hartford, Bridgeport e New Haven. En 1614, o holandés Adriaen Block navegou polo río Connecticut e en 1633 comezou a colonización cun asentamento holandés en Hartford e co establecemento dun posto en Windsor da man da colonia de puritanos ingleses de Plymouth. En 1639 adoptáronse as Fundamental Orders of Connecticut, a primeira constitución escrita por unha das trece colonias de Nova Inglaterra. Enfrontouse ao dominio inglés e participou en 1774 no Congreso Continental de Philadelphia e na Guerra da Independencia americana (1775-1783). A Constitución de 1818 separou o poder executivo e xudicial, ampliou o dereito de voto e separou a Igrexa e o Estado.

Palabras veciñas

connatural | Connaught | Connecticut | Connecticut | Connell, Elizabeth | Connery, Sean | Connochaetes