San Petersburgo

San Petersburgo

Capital da oblast’ de Leningrado, Rusia (4.628.000 h [2000]). Situada no delta do río Neva, sobre 42 illas, é o principal porto de Rusia no golfo de Finlandia. Fundada en 1703, pronto iniciou unha rápida expansión demográfica, grazas sobre todo ao período en que foi capital de Rusia (1712-1918), que a converteu nun destacado centro político, comercial, industrial, cultural e científico. Fundada por Pedro I despois da vitoria contra os suecos (1703), foi un centro de comunicación entre Oriente e Occidente. Centro cultural e artístico, onde se formaron os escritores rusos máis importantes, no s XIX converteuse no centro do movemento revolucionario democrático e multiplicáronse as sociedades secretas. Alí iniciáronse os alzamentos de 1905 e de 1917. No período de 1914-1924 denominouse Petrogrado e entre 1924 e 1991 recibiu o nome de Leningrado. En 1991 recuperou o nome orixinal. Durante a Segunda Guerra Mundial foi decretado o seu bloqueo, feito que produciu a destrución da cidade e a morte da maioría dos seus habitantes. Do seu patrimonio cultural destacan a fortaleza Petropavlovskaja (s XVIII), as catedrais de Santo Isaac e de Kazan (agora museo), ambas as dúas da primeira metade do s XIX; o palacio de Inverno (1754-1762) e o Gosudarstviennij Èrmitaž. O centro histórico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1990).