Chrysopa

Chrysopa
[ANIMAL/ENTOM]

Xénero de insectos da orde dos neurópteros. Na fase adulta preséntanse como animais de ata 25 mm de lonxitude, con catro alas iridiscentes de nerviación moi patente, que dispoñen en repouso en forma de tellado sobre o corpo que, xeralmente, é alongado e de cores amareladas ou verdosas. Son característicos os grandes ollos compostos de cor dourada. Teñen un órgano timpánico na base das alas anteriores que lles serve para detectar os ultrasóns e evitar os morcegos. Os animais emerxen na primavera, logo de pasar o inverno como adultos. Realizan un baile nupcial antes de que o macho deposite o espermatóforo que será recollido pola femia. Unha vez fecundada, poñen ovos independentes sobre un longo pedúnculo. As larvas depredadoras son peludas e presentan grandes mandíbulas afiadas. Aliméntanse principalmente de áfidos que dixiren externamente grazas a enzimas que inxectan ás presas para logo zugar o seu contido licuado. Nas numerosas serdas que posúen na parte superior suxeitan os pelellos baleiros das víctimas para camuflar a súa presenza ante as formigas que coidan os pulgóns. Cando completan o desenvolvemento sofren a metamorfose nun casulo que tecen na mesma planta.