chuvia

chuvia

(< lat pluvia)

  1. [METEOR]
    1. s f

      Precipitación en forma de pingas de auga procedente das nubes. No complexo proceso de formación da chuvia resulta indispensable a presenza de núcleos de condensación para que a humidade contida na atmosfera se poida agrupar nas nubes e que a temperatura sexa inferior ao punto de rosada; así o tamaño das pingas pode superar o necesario para provocar a súa precipitación. O diámetro das pingas de chuvia é moi variable, entre 0,5 mm e 1,5 mm, e depende da velocidade das correntes ascendentes que teñen lugar no interior das nubes ou nas capas atmosféricas por debaixo destas. Cando as gotas teñen un diámetro inferior a 0,5 mm e son numerosas, a precipitación denomínase chuvisca. Unha chuvia deste tipo indica que as gotas se formaron nunha nube de altura considerable e que caen a través dunha capa de aire relativamente seco, de xeito que algunhas se evaporan e outras diminúen o seu diámetro durante a caída. Cando as gotas son moi grandes, de diámetro superior a 1,5 mm, e abundantes, como ocorre nas tormentas, os procesos de precipitación son moi activos, as nubes son moi grosas e o aire que hai debaixo é relativamente húmido. Cando a precipitación é de curta duración, con intervalos de ceos claros, denomínase chuvasco. Procede de cumulonimbos e é sinal dunha estratificación inestable na que teñen lugar rápidos movementos verticais do aire. Na tradición oral recóllense ditos como: “A chuvia da semana da Asunción, leva o centeo e deixa o relón. A chuvia no mes de agosto, non é chuvia que é magosto/que é mel e mosto. Chuvia mañanceira non é duradeira. Chuvia na semana da Ascensión, cría nos trigos mourón. Chuvia na semana da Ascensión, nin boa faba, nin bo melón. Chuvia no mar e vento na ría, chuvia para todo o día. Chuvia que non di que vén non é a que moito tarda. O que a chuvia se pon mollado queda.”

      Sinónimos: choiva.
    2. chuvia ácida [port: chuva ácida; cast: lluvia ácida; ingl: acid rain]

      Precipitación de auga dun pH inferior a 4,5 (o pH normal da auga é 5,6) porque contén en disolución os ácidos sulfúricos e nítricos producidos pola combinación dos óxidos de xofre e nitróxeno desprendidos nos procesos industriais co vapor de auga atmosférico. Ten efectos altamente corrosivos e provoca un aumento fortísimo da acidez dos ríos e lagos e tamén dos solos, feito que implica unha fonda alteración da súa actividade biolóxica. A cuberta vexetal resulta especialmente sensible á súa acción e pode chegar ata a morte. A presenza na atmosfera deses compostos experimentou un incremento exponencial dende a primeira Revolución Industrial. Por mor da dinámica das masas de aire, os efectos da contaminación son perceptibles en lugares situados a moitos quilómetros dos centros emisores. Deste xeito, a xestión do problema converteuse nun problema global: na década de 1970 a comunidade científica tomou consciencia da dimensión do asunto e trasladouno á opinión pública e aos gobernos. Dende os anos oitenta viñéronse debatendo en foros internacionais as medidas a tomar para atallalo ou, cando menos, controlalo e reducilo. As emisións da central térmica das Pontes de García Rodríguez constitúen en Galicia un dos principais elementos responsables do fenómeno: cando os ventos sopran con compoñente S ou SO, as consecuencias da súa actividade chéganse a sentir nas Illas Británicas; pola contra, se os ventos sopran do N, os efectos repercuten sobre as comarcas do interior do país.

    3. chuvia artificial

      Precipitación estimulada artificialmente mediante a proxección de neve carbónica, ioduro de prata e outras substancias na parte superior das nubes, de xeito que estes elementos actúen como núcleos de condensación. Os métodos utilizados precisan de condicións atmosféricas propicias e os resultados obtidos son discretos.

  2. s f

    Feito de caer sobre alguén unha gran cantidade de algo. Ex: Unha chuvia de confeti caía enriba dos asistentes á festa. Unha chuvia de flashes cegaba os autores.

    Ex: Unha chuvia de confeti caía enriba dos asistentes á festa. Unha chuvia de flashes cegaba os autores.

  3. chuvia de estrelas [ASTRON]

    Aparición nun momento determinado de gran cantidade de estrelas fugaces nunha rexión concreta do ceo.

  4. chuvia radioactiva [METEOR/FÍS]

    Descenso cara ao chan de po composto por partículas que se volveron radioactivas como consecuencia dunha explosión nuclear. Distínguese a chuvia local, que ten lugar xusto despois da explosión e nunha área máis ou menos achegada; e a chuvia mundial, que ten lugar logo de meses ou anos da explosión e abarca unha zona máis ampla e de localización imprevisible, aínda que cunha diminución da radioactividade notable.

Formas incorrectas

chuva