cigarra

cigarra

(< lat v *cicāra

s f [ANIMAL/ENTOM]

Insecto da familia dos cicádidos da orde homóptera. Cando é adulto caracterízase por posuír un corpo groso e escuro que, dependendo da especie, acada un tamaño de entre 10 e 180 mm, unha cabeza grande, provista dun longo peteiro que mantén nunha posición baixada cando non se alimenta, dous pares de ollos compostos e, entre eles, tres ollos sinxelos ou ocelos dispostos en triángulo; dous pares de alas membranosas e aptas para o voo que manteñen pregadas ao longo do corpo cando non fai uso delas, o primeiro é transparente e o dobre de longo que o segundo. Os machos producen unhas estridulacións, especialmente os días calorosos, mediante a vibración que ten lugar nunhas membranas con sucos que presentan nos costados do abdome e que se ve amplificada mediante unhas cavidades de resonancia tamén abdominais. Estes sons teñen, fundamentalmente, unha función de reclamo sexual. Para o home pode variar entre os 120 decibelios, o que supón acadar o limiar da dor e escoitarse nun raio de máis de 1 km, ou resultar inaudible no caso de especies de pequeno talle por non acadar o limiar mínimo de audición humano. Tanto os machos coma as femias presentan órganos auditivos, aínda que os machos os bloquean cando son eles os que emiten o sinal. É común o agrupamento de machos para cantar de xeito sincrónico e evitar o ataque das aves, para as que pode resultar doloroso achegarse a estas concentracións dado o volume que acadan. As femias portan un ovopositor en forma de serra co que practican unhas incisións en forma de Y nos talos dos vexetais onde depositan ata 20 ovos dos 600 que chegan a poñer. Pasados uns días, nacen as larvas que se deixan caer ao chan onde se enterran ata acadar as raíces das plantas, de onde obteñen o alimento ao chuchalas. O desenvolvemento larvario é moi lento e pode durar, dependendo da especie, dende 2 ata 18 anos no caso dalgunhas cigarras americanas. As larvas presentan unhas patas anteriores de gran tamaño e adaptadas á escavación. Tras sufrir unha serie de mudas que lles permiten o crecemento, rematan o seu desenvolvemento emerxendo da terra, subindo ás árbores e mudando por última vez, proceso que dá lugar ao insecto alado ou adulto. Os adultos aliméntanse sucionando o zume de vexetais. As cigarras americanas do xénero Magicicada caracterízanse por presentar un ciclo de vida de trece ou dezasete anos. Neste tempo, os adultos aparecen en moi baixas densidades para logo, acadado este prazo, emerxer de xeito sincronizado nun número desorbitado. Existen unhas 1.500 especies de distribución principalmente tropical. Na Península Ibérica están asociadas sobre todo á área mediterránea. Os xéneros de cigarras máis comúns en Europa son Cicadetta, Issus e Centrotus.

Confrontacións

carricanta

Palabras veciñas

cigallada | cigallo | cigano -na | cigarra | Cigarra, La | Cigarralejo, El | cigarreira