cine
(< apócope de cinematógrafo)
-
s
m
[IMAX]
-
cinematografía.
-
cine afeccionado
Actividade cinematográfica non profesional realizada xeralmente en película de paso estreito. Os realizadores especializados agrúpanse en entidades dedicadas a difundir os seus filmes mediante concursos e exhibicións. O primeiro destes clubs formouse en París en 1929. En 1937 creouse a Unión Internacional de Cinema Amateur (UNICA).
-
cine de arte e de ensaio
Denominación de certas salas especializadas en exhibición de filmes en versión orixinal e íntegra de obras de calidade, de repertorio clásico, de experimentación e de vangarda. Estendéronse arredor do mundo desde a fundación, en París, en 1926, do Studio des Ursulines, por Armand Tallier.
-
cine mudo
Período da historia cinematográfica que comprende dende o nacemento do cine, en decembro de 1895, ata a aparición do cine sonoro, en 1928. As imaxes acompañábanse de música en directo e subtítulos para conseguir un maior realismo. Dentro desta etapa hai películas, actores e directores que destacaron pola súa calidade. Entre os filmes cómpre destacar: La sortie des usines Lumière (A saída das fábricas Lumière, 1895), produción que inaugurou a historia do cine, Voyage dans la Lune (Viaxe á Lúa, 1902), película que destacou polos seus efectos cinematográficos, Fantasmagorie (Fantasmagoría, 1908), caracterizada polos seus trucos de movemento, Cabiria (1913), Das Kabinett Dr Caligari (O gabinete do doutor Caligari, 1919), The Kid (O rapaz, 1921), unha das películas clave de Charles Chaplin, Nosferatu (1921), unha das primeiras películas do cine de terror, Bronenosets “Potemkin” (O acoirazado Potemkin, 1925), ou Metropolis (1925). Moitos actores e actrices tiveron nestas producións a oportunidade para darse a coñecer e acadar despois o éxito; entre eles, Charles Chaplin, Buster Keaton, Rodolfo Valentino ou Mary Pickford. Tamén os directores tiveron un papel importante grazas ás súas producións, algunhas delas moi destacadas. Entre eles sobresaen os irmáns Lumière, Georges Méliès, Charles Chaplin, David Griffith, Fritz Lang ou S. M. Eisenstein. En Galicia, esta etapa da historia do cine popularizouse grazas á cantidade elevada de cines que proxectaban estas películas. O cine mudo chegou a Galicia o 17 de marzo de 1897.
-
cine negro
Xénero do cine que se desenvolveu fundamentalmente nos EE UU entre 1941 e 1955, e que tivo unha certa continuidade en Europa, especialmente en Francia. A violencia, o sexo, a criminalidade e a sociedade marxinal son elementos básicos desta tendencia, que ten a súa orixe no filme The Maltese Falcon (O falcón maltés, 1941) de John Huston.
-
cine ollo [ruso: kino glaz]
Teoría exposta e levada á práctica polo cineasta soviético Dziga Vertov cara ao 1922, segundo a que a cámara é un auténtico ollo que ten que ofrecer unha visión obxectiva da realidade e que debe aliarse coa radio-orella para obter a “nova arte da sociedade proletaria”.
-
cine sonoro
Período da historia do cine que comezou en 1928, caracterizado pola presencia do son das voces dos actores dentro da película. Esta innovación representou unha revolución cinematográfica semellante á da aparición do cine en cor. O sistema sonoro foi perfeccionándose co paso dos anos ata a calidade que teñen as producións actuais. Un feito importante destes avances foi a creación da banda sonora, que no cine actual constitúe unha parte esencial e diferenciada dentro das películas. En Galicia o cine sonoro apareceu en Vigo, no Cine Fraga, o 14 de marzo de 1930, coa proxección da película The Singing Fool (O cantante tolo, 1929).
-
cine verdade [fr: cinéma-vérité]
Movemento cinematográfico de tipo documentalista, xurdido nos anos cincuenta en diversos países europeos, que se esforzaba por alcanzar a captación fiel e auténtica da realidade audiovisual máis espontánea, como medio de estudo antropolóxico ou social. O seu antecedente teórico era o cine ollo de Dziga Vertov (1922).
-
-
s
m
Sala comercial onde se proxectan películas cinematográficas.
Sinónimos: cinema.