Ciprianillo, O
Libro da autoría de san Cibrán, escrito antes de converterse ao cristianismo que, na edición de Leipzig, leva por título El libro magno de San Cipriano: tesoro del hechicero, redactado, segundo algúns investigadores, no s XVI ou XVII. A lenda relata que esta obra, tras ser condenada pola Inquisición, foi gardada con cadeas nunha estancia especial da Universidade de Santiago de Compostela. O libro consta de dúas partes. A primeira inclúe a historia de Siderol e o catálogo de tesouros agachados polos mouros en Galicia, mentres que a segunda parte recolle unha serie de meigallos e remedios para curar as doenzas e propiciar o ben. A primeira parte é posiblemente de autoría galega, pois a toponimia e o mundo mítico revelan un bo coñecemento do folclore e das tradicións galegas. A segunda parte, que non é orixinal, é posible que sexa unha tradución dalgunhas partes do Forces Infernales du Grand Agrippa ou do Grand Grimoire avec la Clavicule de Salomon et la Magie Noire, obras que se editaron en Francia no s XVIII. Do Ciprianillo coñécense numerosas edicións en castelán e portugués, a primeira versión en galego foi a de edicións do Moucho de 1974. No prólogo desa edición, X. M. Álvarez Blázquez defende que a obra foi escrita posiblemente en Santiago de Compostela a finais do s XVIII ou principios do XIX. Blázquez baséase nas referencias que aparecen na obra á lotería gaulesca, que foi emitida no segundo ano da Revolución Francesa, aos costumes parisinos, á pobreza do clero, e ao uso da expresión Antigo Réxime, así como ao carácter panfletario que presenta. O autor puido ser un católico-liberal afrancesado que pretendía facer unha obra de humor burlándose das supersticións. En calquera caso, a obra foi tomada en serio por moita xente. Así, B. Barreiro, no seu libro La Inquisición en Galicia y el famoso Libro de San Cipriano (1888), relata como foron moitos os que perderon o sentido na procura dos tesouros descritos no Ciprianillo. Estes buscadores foron os causantes da destrución de boa parte do patrimonio arqueolóxico galego.