circulatorio -ria

circulatorio -ria

(< lat circulatorĭu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á circulación. Ex: O sangue circula polo aparato circulatorio. O caos circulatorio desta cidade é constante.

    Ex: O sangue circula polo aparato circulatorio. O caos circulatorio desta cidade é constante.

  2. aparato circulatorio [ANAT/FISIOL]

    Conxunto de condutos ou vasos, órganos impelentes, etc, polos que circula o sangue. Na maioría dos invertebrados consta dunha serie de vasos contráctiles: un deles, dorsal, actúa como órgano impelente do sangue; o conxunto non forma un sistema pechado, senón que os vasos van parar a lagoas, nas que bañan os órganos. Dentro dos invertebrados só os anélidos teñen un aparato circulatorio pechado, cun vaso dorsal polo que o sangue circula cara a adiante e outro ventral polo que circula cara a atrás; estes dous vasos están comunicados por vasos transversais. Nos vertebrados, o órgano impelente chámase corazón, os condutos ou vasos que alí converxen, veas e vénulas, os que se afastan, arterias e arteríolas, e os de pequena sección, nos que desembocan todos a nivel de tecido, capilares; todo o conxunto forma un sistema perfectamente pechado. Nos vertebrados acuáticos con respiración branquial (peixes, larvas de anfibios), o corazón, ventral, consta de dúas cavidades, unha aurícula e un ventrículo; os vasos portadores de sangue pobre en osíxeno, procedente dos órganos do corpo, pasan polo corazón e van ás branquias onde o sangue se osixena; unha vez osixenado, o sangue transpórtase mediante outros vasos ata o resto dos órganos onde libera osíxeno e substancias nutritivas e recolle dióxido de carbono. Nos anfibios adultos e nos réptiles, con respiración pulmonar, o corazón consta de dúas aurículas, incomunicadas entre elas, e dun ventrículo, comunicado coas dúas. Hai dous circuítos, un que comunica o corazón cos órganos e outro que comunica o corazón cos pulmóns; no primeiro, o sangue osixenado sae do ventrículo, vai aos órganos e volve ao corazón, onde entra pola aurícula dereita e pasa ao ventrículo; no segundo, o sangue procedente dos órganos sae do ventrículo, vai aos pulmóns onde se osixena e volve ao corazón, onde entra pola aurícula esquerda e pasa ao ventrículo; os dous tipos de sangue mestúranse, xa que logo, parcialmente no ventrículo. Nas aves e nos mamíferos, o corazón ten dúas aurículas independentes entre elas e dous ventrículos, tamén independentes entre eles; a aurícula e o ventrículo de cada costado (dereito e esquerdo) están en comunicación; dáse tamén un dobre circuíto circulatorio, mais neste caso o sangue osixenado (procedente dos pulmóns) e o sangue pobre en osíxeno (procedente dos tecidos) non se mesturan xamais. No ser humano, como nos mamíferos en xeral, do ventrículo esquerdo do corazón sae a arteria aorta, que, despois de describir un arco (chamado caxato da aorta), se sitúa na parte posterior do tórax e na cavidade abdominal; á altura da IV vértebra lumbar bifúrcase nas arterias ilíacas primitivas dereita e esquerda, que irrigan a pelve e as extremidades inferiores; a aorta dá importantes ramas colaterais: as coronarias, o tronco braquiocefálico (que se bifurca en carótide primitiva dereita e subclavia dereita), a carótide primitiva esquerda, a subclavia esquerda, etc, que irrigan o corazón, o pescozo, a cabeza, as extremidades superiores, etc. Á aurícula dereita chega a vea cava superior, que leva o sangue da cabeza, do pescozo, das extremidades superiores e da parte alta do tórax, e a vea cava inferior, que recolle o sangue das extremidades inferiores, da pelve, do abdome e da parte inferior do tórax; na vea cava inferior desembocan as veas suprahepáticas que, procedentes do fígado, levan o sangue da vea porta. Da aurícula dereita o sangue pobre en osíxeno pasa ao ventrículo dereito e á arteria pulmonar, para distribuírse polos pulmóns. Á aurícula esquerda chega, a través das veas pulmonares, o sangue osixenado procedente dos pulmóns, que se dirixe ao ventrículo esquerdo e así comeza de novo o circuíto. No feto, o órgano osixenador do sangue non son os pulmóns senón a placenta; o sangue procedente dela desvíase, en parte, polo conduto venoso, cara á vea cava inferior, e o resto vai parar ao sistema porta. As dúas aurículas están en comunicación mediante o burato de Botal, e o conduto arterioso conduce a maior parte do sangue da arteria pulmonar á aorta, co que se elude a circulación pulmonar.