Círculo Ourensán Vigués
Sociedade nacida en Vigo en 1965 da fusión de dúas entidades recreativas, unha delas formada por médicos e a outra por emigrantes de orixe ourensá procedentes de México. O seu primeiro presidente foi o doutor Pardo Fabeiro. Entre 1975 e 1993 ocupou a presidencia Bieito Ledo Cabido. Neste período, o Círculo converteuse nun lugar de dinamización cultural na cidade viguesa, onde se daban conferencias e impartían cursos de galego, xunto con representacións teatrais e reunións sindicais. A súa sede era o lugar de encontro, entre outros, das Xuventudes Musicais e do grupo de teatro Artello. En 1978 naceron no seu seo os Premios da Crítica que organizou ata 1992. Ademais desenvolvéronse actividades relacionadas co Día das Letras Galegas como a Romaría de Castrelos, co apoio das asociacións de veciños. Durante este período participaron na súa xunta directiva, entre outros, Francisco Carballo Carballo, Xurxo Torres, Víctor F. Freixanes, Xosé A. Perozo, Mª Xosé Porteiro, Xesús Franco, Francisco Matecón, Manuel Janeiro, Uxío Labarta, Miguel Murado, Vítor Vaqueiro, Anxo Tarrío, Blanca Roig, Ramón Villares Paz, Xosé González Martínez e Roi Alonso. En 1993 constituíuse a Fundación dos Premios da Crítica Galicia e o círculo converteuse nun lugar de lecer para un reducido número de asociados.