cirrio
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Ave insectívora da familia dos apódidos, de ata 30 cm de lonxitude, alas longas e estreitas con forma de fociño, cabeza redonda co peteiro curto e ancho, de grande abertura bucal e patas curtas. A plumaxe é parda ou negra, coa gorxa branca e, ocasionalmente, con outras manchas abrancazadas. A cola é gallada e curta. Pasa a maior parte do tempo no aire, incluso mentres dorme, grazas á capacidade para elevarse durante a noitiña e planear en grandes círculos cun sistema de bloqueo alar. Só pousa para aniñar, en gretas de cantís ou covas, formando colonias. Algunhas especies fan os niños con gran variedade de materiais, que cementan con saliva. As crías poden almacenar gran cantidade de graxa subcutánea e manterse varios días no niño sen comer grazas a un descenso na súa temperatura e na taxa metabólica. Aliméntanse de aeroplancto, basicamente insectos que capturan durante o voo. Están amplamente distribuídos, agás en Australia e nas latitudes extremas, e realizan grandes migracións.
-
cirrio arborícola
[ANIMAL/ORNIT]
Ave do xénero Hemiprocne, de 17 a 33 cm de lonxitude, de plumaxe cinsenta e cabeza riscada de branco, cunha curupela que desprega cando permanece pousado (capacidade que o distingue do resto dos cirrios) e coa cola moi gallada. Constrúe un niño feble, con cortizas e plumas pegadas a unha póla con saliva. Incuban un só ovo, suxeito tamén con saliva, que cobren cunha ala mentres se manteñen pousados na rama. Ao pouco de nacer, o polo trasládase á árbore onde recibe alimento dos pais. Vive en bosques, mangleirais e xardíns das cidades e caza insectos voadores; agarda, as máis das veces, dende un pousadoiro para volver a el unha vez capturada a presa. Existen tres especies, H. mystacea, H. longipennis e H. comata, distribuídas polo sueste asiático (Península Malaia e illas de Sumatra, Borneo, Xava, Bali e Célebes).
-
cirrio cafre
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 14 cm de lonxitude, coa mitra de cor branca. Na Península Ibérica ocupa niños de andoriña dáurica nas serras do S.
-
cirrio común
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 17 cm de lonxitude, coa plumaxe marrón escura, que forma colonias en gretas de edificios altos ou cantís naturais. Ten unha distribución paleártica e en Galicia ocupa todo o espazo aéreo na estación cálida.
-
cirrio espiñento
[ANIMAL/ORNIT]
Ave americana de plumaxe castaña cinsenta e cola cadrada e curta, que aparece en Europa como ave divagante.
-
cirrio grande
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 21 cm de lonxitude e 53 de envergadura, coa gorxa e o ventre brancos, e cunha franxa pectoral castaña, igual ca o resto do corpo. Forma pequenas colonias en cantís dende Galicia e Marrocos ata Baluchistán, ademais de poboacións no Indostán, África oriental e Australia. En Galicia está presente principalmente en cantís mariños.
-
cirrio pálido
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 16 cm de lonxitude, de cor castaña clara e gorxa branca, que aniña na área circunmediterránea. En Galicia é unha ave divagante.
-
cirrio salangana
[ANIMAL/ORNIT]
Ave do xénero Collocalia, de distribución asiática. Caracterízase por fabricar o niño enteiramente coa secrección salivar en teitos e paredes de cavidades naturais. Estas construcións, denominadas incorrectamente niños de andoriña, recóllense e empréganse para a elaboración de sopas. Existen dúas especies, C. inexpectata e C. elaphra, restrinxidas ás illas Seychelles.