Cisma de Occidente

Cisma de Occidente

Separación da unidade dos cristiáns de Occidente provocada pola existencia, entre 1378 e 1417, de varios papas simultáneos, residentes en Roma e Aviñón. A estancia dos papas na sede de Aviñón, que supuxera a modernización do sistema de goberno e administración da igrexa, asumindo o poder temporal, ocasionou a perda de boa parte do contido espiritual da súa misión. Á morte de Gregorio XI produciuse un conclave inmediato, no que foi elixido papa Urbano VI que se instalou en Roma, pero un grupo de cardeais, que votaran coaccionados, elixiron o cardeal francés Roberto de Xenebra, que se estableceu en Aviñón co nome de Clemente VII. O papa romano contou co apoio de Italia, Inglaterra, Irlanda, o imperio alemán, os reinos de Europa central e do norte e Portugal. Mentres, o papado de Aviñón, protexido por Francia, foi recoñecido por Savoia, Escocia e Nápoles e posteriormente por Castela, Navarra e a Coroa catalano-aragonesa. A Urbano VI sucedeuno, en Roma, Bonifacio IX (1389-1404), Inocencio VII (1404-1406) e Gregorio XII (1406-1415). Clemente VII, en Aviñón, foi substituído por Benedicto XIII (1394-1422). A anómala situación tentouse solventar empregando catro vías propostas pola Universidade de París. A via cessionis (1395), foi a primeira proposta e precisaba da abdicación previa e voluntaria de ambos os pontífices pero fracasou. Nunha nova reunión (1398) propúxose como solución a retirada da obediencia dos monarcas de occidente como medio de presión aos papas. Como consecuencia, Benedicto XIII quedou asediado no seu palacio de Aviñón durante anos, pero a medida foi infrutuosa e chegouse ao intento de compromiso entre Gregorio XII e Benedicto XIII, previa entrevista entre os pontífices na que un deles recoñecería a lexitimidade do seu antagonista e renunciaría dun xeito voluntario. Os novos intentos fracasaron e os cardeais romanos e aviñoneses convocaron o Concilio de Pisa (1409) como saída. Os cardeais depuxeron a Gregorio XII e Benedicto XIII, e nomearon novo pontífice a Alexandre V (1409-1410), ao que sucedeu Xoán XXIII (1410-1414), mentres o Papa Lúa se refuxiaba en territorio catalán. Os pontífices romano e aviñonense negáronse a aceptar a nova situación e o cisma bicéfalo pasou a ser tricéfalo. Convocouse un novo concilio na cidade de Constanza, (1414-1418), favorecido polo empeño do Emperador Sexismundo en liquidar o cisma e neutralizar a ameaza da herexía husita nos seus territorios. O cisma pechouse coa deposición de Xoán XXIII e de Benedicto XIII e a abdicación de Gregorio XII. Benedicto XIII negouse e retirouse a Peñíscola. En 1417 un conclave de 22 cardeais e 30 prelados elixiu a Martiño V (1417-1431). Clemente VIII foi elixido como sucesor da corrente francesa, cando o Concilio de Constanza xa recoñecera a Martiño V. O cisma tivo como consecuencias a desorganización da Igrexa, a escisión das ordes relixiosas e a división entre nacións e simples fieis por razóns de obediencia relixiosa. Culminou cun aumento no desprestixio do papado e o engadido dun motivo máis de crítica aos movementos que censuraban o poder temporal da igrexa.

Palabras veciñas

Cisleithania | 1 cisma | 2 cisma | Cisma de Occidente | Cisma de Oriente | cismar | 1 cismático -ca