citoplasma
(
Constituínte fundamental da célula, delimitado pola membrana plasmática e pola membrana nuclear, onde van incluídos todos os restantes elementos celulares. Co microscopio óptico aparece como unha masa fluída e homoxénea, máis ou menos transparente, a miúdo máis refrinxente ca a auga. Durante moito tempo admitíronse tres partes fundamentais no citoplasma: o ectoplasma ou citoplasma periférico, practicamente adherido á membrana esquelética celular; o tonoplasma, que limita cos vacúolos; e o endoplasma, que corresponde co resto. A súa composición química varía moito dunha célula a outra e tamén conforme ás funcións celulares. A auga é vital para o citoplasma e a súa proporción é moi distinta entre as diferentes células segundo o seu estado fisiolóxico. Pode darse en tres formas: auga ligada, que forma parte dun determinado número de moléculas; auga libre, que circula polos tecidos e enche os vacúolos; e auga de imbibición (a forma máis corrente), que entra na composición dos coloides protoplasmáticos. Nas dúas últimas hai, en estado disolto, compostos minerais, produtos orgánicos e un certo número de gases (osíxeno e carbónico). Sábese que as macromoléculas do citoplasma forman as denominadas cenapsas. O citoplasma ten unha serie de propiedades físico-químicas (rixidez, elasticidade, pH, presión osmótica, etc) que, conxuntamente, posibilitan os mecanismos vitais. Aínda que a concentración de moitos compostos químicos da célula non é constante para cada tipo de célula, uns cantos constituíntes do citoplasma danse en proporcións fixas, denominadas constantes celulares, que se representan en forma de coeficiente. Cómpre destacar o coeficiente lipocítico, a relación entre o colesterol e os ácidos graxos; o coeficiente que indica a proporción entre a auga e os ácidos graxos; e os coeficientes que expresan a relación entre os ácidos nucleicos e as proteínas. Entre o conxunto de canles anastomizadas do retículo endoplasmático descríbese, comunmente, unha masa máis homoxénea de citoplasma, denominada hialoplasma. O ARN que sae do nucléolo ou do núcleo, a través dos poros da membrana nuclear, circula polo hialoplasma e leva a termo o contacto entre o núcleo e o citoplasma.