ciudad y los perros, La

ciudad y los perros, La
[LIT]

Novela publicada por Mario Vargas Llosa en 1963. Presenta a vida dun grupo de adolescentes nun colexio militar, o Leoncio Prado, en Lima. A acción desencadeante é o roubo dun exame, suceso encuberto polos cadetes, que finalmente un deles denuncia á dirección do colexio. A investigación descobre unha serie de irregularidades de comportamento e pouco despois asasinan o delator. Aínda que outro cadete sinala o culpable, as autoridades militares deciden aparentar que non sucedeu nada extraordinario. A afirmación verbal da normalidade convértese na verdade oficial, que substitúe a verdade criminal. O tenente Gamboa rebélase contra a verdade imposta e destérrano, mentres os cadetes se reintegran á sociedade, dispostos a seguir os destinos que a súa posición social lles ofrece e a perpetuar a corrupción do sistema. Trátase dunha crítica a un modelo de educación baseado na aparencia de verdade e de xustiza, que utiliza pactos de cinismo para asegurar a vixencia do sistema. A técnica narrativa incorpora as innovacións vangardistas da novela do s XX; rompe coas unidades tradicionais de tempo, narrador e personaxe para presentar unha historia en distintos tempos, voces e perspectivas que o lector debe reconstruír. Organízase en dúas partes que constan, á súa vez, de oito capítulos e un epílogo. Cada capítulo divídese en numerosas subseccións separadas por espacios en branco que se corresponden cos diversos episodios. Esta estrutura fragmentada orixina unha serie de contrastes que constitúen a base da narración. A voz dun narrador omnisciente mestúrase cos monólogos interiores e cos diálogos dos personaxes. O cambio repentino do punto de vista, unido á ocultación da identidade do narrador ou do personaxe desde o que se narra o episodio, crea unha sensación de intriga. Ao mesmo tempo, a constante interacción entre a cidade e o colexio, o presente dos estudiantes e o seu pasado, os acontecementos exteriores brutais e a intimidade dos pensamentos e recordos, amosan a verdadeira vulnerabilidade dos cadetes, obrigados a sobrevivir nun mundo dominado pola violencia, espello da realidade social do país.

Palabras veciñas

Ciudad Real | Ciudad Rodrigo | Ciudad Victoria | ciudad y los perros, La | Ciudad, La | Ciudad, La | Ciudad, La