clasificación

clasificación

(

  1. s f
    1. Acción e efecto de clasificar ou clasificarse.

    2. Distribución dun conxunto de obxectos ou individuos nun certo número de clases ou categorías, coordinadas ou subordinadas segundo un criterio determinado. Denomínase artificial se se fai arbitrariamente, en función dun obxectivo particular, e natural, se está feita segundo uns trazos comúns cientificamente descubertos.

  2. s f

    Relación ou lista ordenada de cousas ou persoas, especialmente de postos ou prazas obtidas polos participantes nunha competición ou concurso. Ex: O equipo local rematou a liga no terceiro posto da clasificación.

    Ex: O equipo local rematou a liga no terceiro posto da clasificación.

  3. s f

    Praza que permite pasar a un nivel superior nunha competición. Ex: Ambos os equipos acadaron a clasificación para as semifinais da competición europea.

    Ex: Ambos os equipos acadaron a clasificación para as semifinais da competición europea.

  4. [BIBLIOT]
    1. s f

      Ordenación sistemática de libros ou documentos que facilita a súa mellor utilización. A historia da clasificación é un intento continuado de dividir sistematicamente os coñecementos universais, coa agrupación dos temas que teñen relación ou afinidade. Un bo esquema de clasificación require certas condicións, entre as que son indispensables: táboas, sinal ou notación, índice e signos auxiliares. As táboas son listas sistemáticas de materias ordenadas do máis amplo ao máis concreto. A orde está fixada polos sinais ou notacións. O sinal é a serie ordenada de símbolos, expresados xeralmente por cifras ou letras que corresponden ás materias; aplicados aos libros serven para ordenalos entre eles. É imprescindible un bo índice alfabético de temas. Os signos auxiliares (ou táboas auxiliares) dan aclaracións de lugar, tempo, idioma, etc. Os sistemas de clasificación bibliográfica máis usados son o da biblioteca do Congreso de Washington (1904) e, especialmente, a clasificación decimal.

      Confrontacións: catalogación.
    2. clasificación arquivística

      Identificación e agrupamento das unidades documentais que compoñen un fondo ou un conxunto arquivístico. A diversidade dos tipos e a complexidade das funcións documentais, así como a distinta natureza dos arquivos, non favorecen unha clasificación apriorística, tal e como se lles puido aplicar ás bibliotecas. Cómpren, pois, estudios individualizados. Téndese a aplicar prioritariamente a clasificación orgánica, na que o principio fundamental é o respecto á unidade de procedencia dos documentos, seguindo os fíos condutores da institución orixinaria; úsase maioritariamente con fondos históricos. Outros tipos de clasificación son a funcional, pouco empregada, que supón unha sistematización por materias, e a orgánico-funcional, que combina ambos os dous sistemas e que se utiliza, sobre todo, en arquivos de xestión ou administrativos. En calquera dos tres casos é indispensable a elaboración dun cadro de clasificación que sistematice as diversas divisións do arquivo.

    3. clasificación decimal universal

      Sistema de ordenación, o máis coñecido e divulgado de todas as bases de clasificación bibliográfica. Melvil Dewey (1876) fixo a primeira versión. Dividiu en dez grupos o conxunto dos coñecementos humanos e deulles como símbolo as cifras do 0 ao 9: 0 Obras Xerais; 1 Filosofía; 2 Relixión; 3 Ciencias Sociais; 4 Filoloxía; 5 Ciencias Puras; 6 Ciencias Aplicadas; 7 Belas Artes; 8 Literatura; e 9 Xeografía, Historia e Biografía. Cada grupo subdivídese noutros grupos temáticos. En 1905, partindo da clasificación de Dewey, o Institut International de Bibliographie de Bruxelas creou a clasificación decimal universal, que é actualmente a máis utilizada. Estes sistemas de clasificación son especialmente aptos para bibliotecas públicas ou de fondo xeral, mentres que non se adaptan tan ben ás necesidades das bibliotecas especializadas, que a miúdo utilizan sistemas de clasificación propios.

  5. s f [BIOL]

    Distribución dos seres vivos en grupos denominados en xeral taxons, segundo criterios de afinidade filoxenética, morfolóxica, etc.

  6. [LING/FILOL]
    1. clasificación acústica

      Ordenación dos trazos distintivos que derivan da análise da onda acústica susceptible dunha interpretación lingüística. Representa a finalidade primordial da fonética acústica ou xenémica.

    2. clasificación articulatoria

      Ordenación dos trazos distintivos que derivan da análise do traballo muscular que efectúan os órganos de fonación de movemento lingüisticamente interpretable. Constitúe o obxectivo primordial da fonética articulatoria ou xenética.

    3. clasificación funcional

      Descrición ordenada das combinacións regulares as distribucións defectivas e as condicións de neutralización dos elementos funcionais fonemáticos de cada lingua.

  7. s f [QUÍM]

    Operación efectuada para separar as partículas sólidas grandes das máis finas, baseada na súa diferenza de tamaño, peso ou densidade, co obxecto de obter agrupacións ou clases de partículas iguais. A clasificación hidráulica aproveita a diferente flotación ou as velocidades distintas de sedimentación das partículas suspendidas nun líquido. Pódese facer tamén a clasificación en seco por cribado, ou ben por aeroclasificación, no que a corrente de aire aplicada arrastra as partículas máis pequenas e as separa das máis grandes.

  8. clasificación radiométrica/clasificación espectral [ASTRON/XEOG]

    Proceso de segmentación dunha imaxe dixital baseado nas características espectrais dos pixels, que determina a formación de conxuntos de pixels con características semellantes.

  9. clasificación de manuscritos [FILOL]

    Estudio previo e indispensable dos testemuños manuscritos dun texto co fin de establecer a edición crítica.

Palabras veciñas

clasicista | clásico -ca | clasificable | clasificación | clasificado -da | clasificador -ra | clasificar