Clepsidra
Poemario publicado por Camilo Pessanha en 1920. A primeira edición constaba de 28 poemas, dos que 15 eran sonetos. Trala súa morte, João de Castro Osório realizou unha segunda edición en 1945 que ampliaba o número de textos a 38, e unha terceira en 1969, que incluía 45, e que alteraba a orde fixada polas publicacións anteriores. Trátase da obra máis importante do simbolismo portugués e ten como referentes inmediatos a temática e a teoría das correspondencias de Baudelaire, as imaxes e os símbolos de Mallarmé e Rimbaud, e a concepción musical do verso de Verlaine. A organización da primeira versión suxire unha unidade profunda de inspiración: a consciencia da inutilidade da vida. O desexo de desaparecer e de autoaniquilarse que expresa no primeiro poema, titulado “Inscripção”, confírmase e profundízase no último “Adormecei. Não suspireis. Não respireis”. Na obra, influída polo pesimismo de Schopenhauer, o eu lírico caracterízase pola súa indolencia, malia a dor implícita e desencantada, e polo emprego da ironía como forma de controlar as emocións e relativizar as ilusións. Desenvolve boa parte dos tópicos finiseculares: desengano, escepticismo, fatalismo, actitude derrotista ante a vida, autoincitación á aniquilación dos desexos e á apatía, consciencia angustiada da fugacidade do tempo (que simboliza a clepsidra), acompañada da evocación nostálxica e mitificadora dun pasado perdido, sentimento de abandono por un Deus distante ou absurdo. Os seus grandes logros residen no poder suxerente dos versos, na simboloxía, na elaboración do ritmo e na orixinalidade prosódica, a través da estruturación musical e non lóxica da dislocación dos acentos, das elisións e dos hiatos ou das rimas internas. Tivo unha grande influencia na poesía posterior, en especial en Fernando Pessoa.