climaterio
(
Crise endocrina e vexetativa que se caracteriza por unha serie de fenómenos que afectan a todo o organismo, debidos primordialmente á claudicación ovárica. Clinicamente se pode considerar o seu inicio no momento da desaparición da menstruación (menopausa), que adoita acontecer entre os 45 e os 50 anos. A miúdo, a desaparición da menstruación vai precedida de trastornos do ciclo, como oligomenorrea, polimenorrea e hipermenorrea. Aínda que un 30% das mulleres sofren como único fenómeno climatérico a fin da menstruación, as restantes presentan algunhas das molestias que integran a síndrome climatérica que manifesta un cadro endocrino e un cadro clínico. O cadro endocrino caracterízase porque hai un hipertiroidismo, unha hiperfunción suprarrenal con hipertricose, unha tendencia á fraxilidade dos cabelos e á alopecia do curuto, un aumento da excreción urinaria de 17-cetosteroides e un aumento de colesterinemia. No cadro clínico pódense distinguir manifestacións vasomotoras en forma de sufocacións e crises sudorais; metabólicas, como a osteoporose, a adipose e a predisposición á artrose; xenitais, como é a atrofia gradual dos órganos xenitais que xera vaxinite e proído vulvar; sexuais, que poden ir dende unha mingua do apetito sexual ata un aumento; e psíquicas e nerviosas, como depresión, ansiedade, irritabilidade, parestesias, insomnio e cefalalxias. En termos xerais, todos estes síntomas van cedendo co tempo, aínda que requiren a atención médica conveniente.