climatoloxía
(
-
s
f
[CLIMAT]
Disciplina da xeografía física que ten como obxecto a análise dos climas da Terra, coa determinación das súas variedades e distribución, así como a investigación dos seus efectos bioxeográficos, xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, edáficos, económicos e humanos. A climatoloxía e a meteoroloxía son dúas disciplinas distintas, aínda que estreitamente vinculadas e inseparables. Nunha primeira aproximación aparecen trazos diferenciadores: os cultivadores da meteoroloxía son físicos e os da climatoloxía, xeógrafos. Existen, así mesmo, diferencias de obxecto, perspectiva e finalidade. O obxecto do meteorólogo é o tempo, mentres que o do xeógrafo é o clima. O meteorólogo acostuma traballar con datos ao día; en cambio, o climatólogo debe manexar series amplas de datos pasados o máis longas posibles. Hai tamén un evidente contraste de perspectiva: a do meteorólogo é prospectiva, posto que pretende a predición do tempo cara a un futuro próximo; en cambio, a visión do climatólogo é retrospectiva, ten que empregar as series de observacións dispoñibles para explicar as características do clima dun espacio. Ambas as dúas ciencias perseguen un mellor coñecemento da atmosfera, ben sexa a través da análise do tempo ou do clima, que son conceptos moi diferentes. En climatoloxía, ao igual que sucede noutros coñecementos científicos, os anos que seguiron á Segunda Guerra Mundial representaron un período de rápida evolución, tanto teórica coma metodolóxica. Durante este período, asistiuse a un amplo cuestionamento do concepto de clima que imperaba ata aquel momento, formuláronse grandes teorías explicativas e asentáronse novas orientacións metodolóxicas. Ata tal punto se recoñece ese período baixo o trazo do cambio que, a partir dos anos cincuenta, se alude a unha climatoloxía tradicional, fronte a unha climatoloxía moderna (sintética, dinámica e sinóptica) considerada dende ese preciso momento. Aínda que a mediados do s XX os defensores do método dinámico criticaron abertamente a climatoloxía tradicional, posteriormente se chegou a unha síntese en traballos que combinan as dúas orientacións metodolóxicas. Por climatoloxía tradicional enténdese aquela que analiza estatisticamente os distintos elementos meteorolóxicos (normalmente rexistros de temperaturas, precipitacións, vento) para chegar á caracterización do clima, segundo a definición que expuxera Julius Hann, a mediados do s XIX, como un estado medio da atmosfera. Co método tradicional, o estudo do clima lévase a cabo mediante dous procesos de abstracción: primeiro a descomposición da realidade (o tempo atmosférico) complexa e global, nos principais elementos que a configuran, de onde lle vén o nome de método analítico ou separativo; e, segundo, partindo da multitude de valores reais recollidos para cada un dos elementos ou variables meteorolóxicas en que queda descomposto o tempo atmosférico, a obtención duns valores característicos de cada elemento por un procedemento estatístico. Son varias as formas de expresión máis empregadas pola climatoloxía para levar a cabo a aproximación analítica ou separativa ás características do clima dun territorio. A caracterización cronolóxica ou temporal da evolución do tempo realízase coa elaboración de gráficos (de liñas, de barras, circulares, rosas dos ventos, etc) nos que se representan réximes climatolóxicos que se asemellan a calendarios do desenvolvemento dos elementos de maior interese, polo xeral temperaturas e precipitacións. A través dos mapas de isoliñas represéntase a distribución espacial de cada variable climática: isotermas para temperatura e isohietas para precipitacións. Por último, coa combinación de dous ou máis elementos do clima, elabóranse as clasificacións climáticas e os índices empíricos (térmicos, pluviométricos, de aridez, de continentalidade, de oceaneidade, etc). O segundo dos aspectos que caracterizan o método analítico ou tradicional é o seu fundamento estatístico. Nos seus inicios foi un primeiro e sinxelo proceso de tratamento e elaboración dos datos que fornecían as primeiras redes de observatorios meteorolóxicos establecidos a partir de mediados do s XIX. Dende a década dos sesenta, estas análises melloraron substancialmente ao introducir técnicas estatísticas máis sofisticadas que van máis alá das simples medias. A introdución da informática abriu novas perspectivas á climatoloxía tradicional. Os antigos enfoques analíticos transformáronse en novos enfoques estatísticos. A mediados do s XX, os enfoques analíticos ou separativos expuxéronse a unha dura crítica. Algúns autores consideraban que é imposible definir e explicar o clima polo método separativo, particularmente nas rexións temperadas, posto que o tempo é aquí esencialmente variable e os valores medios non representan a realidade. As novas concepcións metodolóxicas xurdidas destas críticas apoiáronse nun concepto de clima que pretende captar a diversidade de estados da atmosfera e a súa sucesión habitual. A climatoloxía moderna ou sintética intenta explicar os mecanismos que rexen a circulación xeral atmosférica, xerada para redistribuír a enerxía na atmosfera e manter o seu equilibrio, feito que dá lugar aos distintos climas sobre a Terra. O uso do adxectivo moderna responde a un cambio no sentido do obxecto de estudo e ao emprego duns métodos diferentes de investigación; representa unha innovación con respecto á climatoloxía analítica ou tradicional. O adxectivo sintética débese a que esta nova climatoloxía procura unha visión integradora e conxunta dos diversos mecanismos e elementos climáticos. A climatoloxía sintética subdivídese, á súa vez, en dúas ramas: a climatoloxía sinóptica e a climatoloxía dinámica. Ambas as dúas intentan explicar os mecanismos que rexen a circulación atmosférica e as súas consecuencias na distribución e nas características dos climas sobre a Terra. Non obstante , existe unha diferenza fundamental entre elas no tocante á escala de estudio: mentres a climatoloxía sinóptica traballa a escala local e rexional, a climatoloxía dinámica faino dende unha perspectiva planetaria e zonal. A climatoloxía sinóptica ten por finalidade explicar os climas locais e rexionais en función das características da circulación atmosférica rexional, así como o estudo da sucesión habitual de tipos de tempo que esta xera. Para isto utiliza os mapas de isobaras ou mapas do tempo e as imaxes enviadas polos satélites meteorolóxicos (Galicia aparece nas imaxes que envía o satélite Meteosat). A clasificación de tipos de tempo constitúe o instrumento básico de estudo para o método sinóptico. Este método é de grande utilidade para coñecer as causas que provocan fenómenos atmosféricos extremos, como temporais de vento, chuvias intensas, xeadas, treboadas de sarabia, etc. A climatoloxía dinámica ten como finalidade proporcionar un mellor coñecemento dos mecanismos que rexen a circulación xeral da atmosfera a escala planetaria e zonal. O seu nacemento e expansión débense aos descubrimentos durante o s XX da fronte polar, das masas de aire e das correntes en chorro ou jet-stream. Analiza os principios físicos e termodinámicos que regulan o comportamento interrelacionado da presión e os ventos no planeta; estudia, tamén, as propiedades das diversas masas de aire, a formación das frontes, das borrascas da zona temperada ou dos ciclóns tropicais, o funcionamento dos monzóns, etc. As novas técnicas de teledetección e as imaxes por satélite deron un forte impulso a estas investigacións e permitiron un coñecemento dinámico moito máis completo do comportamento da atmosfera no seu conxunto e das súas repercusións nos climas da Terra. A raíz da enorme preocupación medioambiental que se desencadeou durante os anos sesenta en todo o mundo, abríronse novas liñas de investigación climática e cobraron forza outras que xa existían, feito que constituíu as dúas grandes tendencias máis recentes en climatoloxía: a climatoloxía aplicada e o estudo dos cambios climáticos. A climatoloxía aplicada inclúe todos aqueles traballos que estudian as relacións que teñen lugar entre o clima e as compoñentes do medio natural, social ou económico. A información subministrada pola climatoloxía aplicada contribúe a unha mellor planificación e xestión dos recursos e das actividades humanas. As liñas de investigación máis importantes aplicadas en climatoloxía son as seguintes: a bioclimatoloxía vexetal encárgase do estudo da influencia do clima na vexetación natural e nos cultivos. Adquiriu un gran desenvolvemento e deu lugar a dúas vertentes de traballo: a fitoclimatoloxía (clima e vexetación) e a agroclimatoloxía (clima e cultivos). A bioclimatoloxía humana estudia os efectos do tempo e do clima sobre o benestar e a saúde dos seres humanos. A climatoloxía urbana analiza as modificacións climáticas que se producen nas cidades como consecuencia da intensa transformación do medio natural e a súa influencia sobre a saúde e o benestar dos seus habitantes. A climatoloxía ambiental estudia a relación entre os tipos de tempo atmosférico e os niveis de contaminación nas cidades e áreas industriais, con obxecto de mellorar a calidade do aire e a saúde das persoas. A climatoloxía turística trata de avaliar o potencial climático dun espazo de cara ao desenvolvemento das actividades turísticas. A climatoloxía aplicada á economía pretende coñecer o grao de dependencia entre os sectores económicos (como a enerxía, os transportes, a construción, a pesca, etc) e o clima, e avaliar as perdas económicas xeradas por unhas condicións atmosféricas adversas. As relacións existentes entre o clima e as demais compoñentes do medio biofísico son tamén obxecto da climatoloxía aplicada. Nesta liña de investigación analízanse, entre outros aspectos, a función que desempeñan os elementos climáticos nos recursos hídricos ou na erosión do solo. Os riscos climáticos constitúen un dos temas máis importantes que deben estudar os climatólogos, debido ás graves repercusións destes fenómenos climáticos extremos. Os resultados obtidos supoñen a base principal dunha boa previsión, necesaria para levar a cabo unha eficaz prevención e xestión dos riscos. O seu obxecto de estudo está constituído tanto polos fenómenos naturais (ciclóns tropicais, tornados, temporais de vento, chuvias torrenciais, gotas frías, treboadas de sarabia, temporais de frío e neve, etc) e as súas causas, coma polas consecuencias e impactos que xeran no territorio. Xunto á climatoloxía aplicada, o estudo dos cambios climáticos converteuse nunha das maiores preocupacións da climatoloxía, que debe facer fronte ao reto que significa determinar a auténtica dimensión do cambio global do clima, que comporta unhas graves consecuencias. Dentro deste amplo campo de investigación da climatoloxía diferéncianse, á súa vez, varias liñas de estudio. Unhas dedícanse a descifrar cáles foron os cambios que o clima sufriu no pasado, outras a descubrir os mecanismos e reviravoltas que regulan o clima e, finalmente, as que teñen como obxectivo a predición do seu comportamento futuro. A paleoclimatoloxía intenta reconstruír os climas de épocas pasadas. Cos datos subministrados polas formas e depósitos xeomorfolóxicos, restos de pole e de animais, xacementos arqueolóxicos, análises de solos, burbullas de aire nas capas de xeo dos glaciares, etc, pode deducirse información válida relativa aos climas do pasado. A dendroclimatoloxía baséase na análise do crecemento anual dos aneis das árbores, como indicativo do rexistro detallado do clima do pasado, do que se poden deducir as condicións térmicas e pluviométricas que caracterizaron unha serie longa de anos sucesivos. A climatoloxía histórica ten como finalidade a reconstrución do clima en épocas históricas, para o que se basea en fontes documentais. Neses documentos históricos recóllense novas sobre o rendemento das colleitas e as condicións atmosféricas do ano, ou informes e rogativas relacionados con acontecementos como inundacións, fortes secas, xeadas, grandes nevaradas, etc. A climatoloxía estatística encárgase de analizar as flutuacións e as tendencias do clima a través dos rexistros instrumentais obtidos polas estacións meteorolóxicas.
-
climatoloxía agrícola
Estudio do clima en función das esixencias climáticas das plantas de cultivo para coñecer as condicións medias que lles son máis favorables ou desfavorables de cara a completar o seu ciclo vexetativo.
-
climatoloxía dinámica
Estudio do clima mediante a análise da sucesión e a frecuencia dos diferentes tipos de tempo, a causa que as orixina, a súa evolución e as súas relacións coa dinámica xeral atmosférica.
-
climatoloxía médica
Estudio do clima en función da súa repercusión sobre o organismo humano. Analiza as propiedades saudables ou prexudiciais dos diferentes elementos climáticos para podelos empregar con finalidades terapéuticas e tamén para determinar as condicións climáticas máis favorables á actividade do home.
-
climatoloxía sinóptica
Estudio do conxunto dos elementos climáticos que afectan a unha área extensa nun momento determinado. Indica cada un dos elementos sinalados sobre as cartas sinópticas e precisa os lugares que rexistran os mesmos valores mediante as isoliñas (isóbaras, isotermas, etc), e tamén a presenza doutros meteoros (neve, brétema).