coagulación

coagulación

(< lat coagulatĭone)

  1. s f

    Proceso polo que se altera a fase dispersa dun sistema coloidal ou o sólido disolto dun sistema líquido, que ocasiona a separación do sistema nunha fase líquida e nunha masa insoluble xelatinosa. Pódese conseguir por quentamento, por adición de compostos químicos, por adición de enzimas, etc.

  2. coagulación do sangue [FISIOL]

    Proceso de formación dun coágulo sanguíneo. É unha fase da hemostase que consiste na transformación do fibrinóxeno en fibrina, grazas á trombina, que é un enzima proteolítico formado pola activación da protrombina. Neste proceso interveñen, ademais do fibrinóxeno, a protrombina e a trombina, unha serie de elementos coñecidos como factores de coagulación. Na formación do coágulo pódense distinguir dúas fases. Na primeira fase, ten lugar a conversión da protrombina en trombina, que se pode realizar por dous sistemas: o intrínseco ou sanguíneo, que se inicia pola activación do factor XII, e o extrínseco ou hístico, que se produce cando hai unha lesión dos tecidos e se inicia coa penetración do factor III no torrente circulatorio. O produto das dúas vías é a protrombinasa que, en presenza de calcio, actúa sobre a protrombina e a transforma en trombina. Na segunda fase a trombina actúa sobre o fibrinóxeno e convérteo en fibrina.

Palabras veciñas

COAG | coaglutinación | coagulable | coagulación | coagulador -ra | coagulante | coagular