1 cobo
-
s
m
[ANIMAL]
Antílope do xénero Kobus que se caracteriza por ser de constitución pesada e ter o macho uns cornos ben desenvolvidos, curvados cara a atrás, logo cara a arriba e no extremo cara a adiante, e fortemente anelados. Habita nas zonas de bosque centroafricanas, preto da auga ou en zonas palustres.
-
cobo de Buffon
[ANIMAL]
Antílope de ata 109 cm de altura na cruz e 90 kg de peso, de pelame curto e lustroso, de cor, en xeral, que vai dende dourada brillante a parda escura, cunha mancha branca arredor dos ollos e con outra na gorxa e na parte superior do pescozo. Ten a parte inferior branca, cunhas manchas negras na parte dianteira das patas. Ao final do rabo ten unha borla negra. Vive en chairas inundadas de zonas de sabana dende as costas de Senegal ata a rexión de Sudán.
-
cobo defasa
[ANIMAL]
Antílope de ata 135 cm de altura na cruz e 275 kg de peso, de pelame áspero, de cor, en xeral, que vai dende rubia a parda agrisada, cunha longa raia superciliar branca e, ás veces, cunha mancha branca na gorxa. Vive en zonas boscosas, en chairas inundadas e, incluso, en outeiros pedregosos de toda África tropical.
-
cobo do Nilo
[ANIMAL]
Antílope de ata 95 cm de altura na cruz e 87 kg de peso, de pelame longo e mesto, de cor, en xeral, marrón moi escura, cunha gran mancha branca na cruz e con manchas tamén brancas diante e detrás dos ollos. Vive en pantanos e áreas asolagadas que atravesan o Nilo Branco, o Baḥr al-Gazāl e os seus afluentes.
-
cobo lichi
[ANIMAL]
Antílope de ata 99 cm de altura na cruz e 128 kg de peso, de pelame longo e mesto, de cor, en xeral, que oscila dende acastañada dourada a negra, coa parte inferior branca e cunha leve raia branca enriba do ollo. Vive en pantanos e en terras asolagadas da área dos Grandes Lagos da África austral.