coeducación
(< co- + educación)
Modelo de educación que reciben conxunta e indistintamente alumnos de ambos os dous sexos nunha institución educativa. Unha expresión máis ampla do concepto reflicte un modelo educativo que non remata nos centros de ensino, senón que se estende a outros estamentos. Aínda que con frecuencia ao ensino en común (clases mixtas) tamén se lle aplica esta denominación, o certo é que neses casos habería que falar de “coinstrución” porque a coeducación comporta, ademais da convivencia, unha orientación de tipo educativo na que as diferencias sexuais se consideran factores estruturais da educación e remite á expresión dun programa pedagóxico que pretende un cambio na distribución tradicional dos papeis entre homes e mulleres. De aí que sempre resulte máis doado educar por separado que coeducar, porque a coeducación supón unha responsabilidade engadida para o centro escolar e, sobre todo, para os profesores, na medida en que implica facerse cargo de alumnos e alumnas en réxime de igualdade e convivencia permanente. A coeducación xorde a finais do s XIX como movemento con implicacións de orde ideolóxica e social, derivadas da universalización da cultura, a loita pola igualdade de dereitos da muller e polo aumento imparable do gasto educativo que tiveron que afrontar os estados. En principio, o movemento ao seu favor tivo certo éxito nos países protestantes europeos (Suecia, Finlandia, Dinamarca, Alemaña). Pola contra, desde a súa aparición, a Europa católica opúxose frontalmente a ela, especialmente en determinadas idades, como poñía de manifesto a encíclica Divini illus magistri, de 1929. A finais do s XVIII, esta situación xa se tiña producido nos EE UU, motivada tamén por cuestións de orde económica que derivaron na falta de mestres e escolas, e que deron como resultado unha rápida implantación e incremento da coeducación. Mundialmente, e dependendo do momento histórico e político, houbo flutuacións. Na Rusia da revolución, a coeducación implantouse en 1918 para logo ser rexeitada en 1943, e novamente aceptada en 1953. En España, a Institución Libre de Enseñanza fixo algúns intentos en sintonía cos principios da educación nova, que avogaban pola implantación da coeducación en todos os graos do ensino. Non obstante , foron escasas as experiencias completas nesta dirección, xa que houbo intentos pero case que todos eles parciais e limitados sempre ao simple agrupamento en común sen máis intencións; aínda na Lei de Educación Primaria de 1967 procurábase o réxime de separación de sexos. Polo que concerne á LOXSE, a coeducación figura como cuestión definitoria do modelo educativo, non obstante non resulta doado poñela en práctica, de xeito que queda reducida, as máis das veces, a un simple proceso de coinstrución, favorecida desde a administración educativa e mesmo desde algúns sectores do profesorado.