1 coita
(
-
s
f
-
Angustia provocada por algunha fatalidade. Na tradición oral recóllense os seguintes refráns: “Coitas e camiños dannos amigos. Nas coitas que un ten coñécese quen nos quer ben”.
Ex: Ten unha gran coita pola morte do seu amigo.
Confrontacións: mágoa. -
[LIT]
Motivo literario de gran rendemento na poesía dos trobadores galego-portugueses, ata o punto de se converter no elemento central da poética trobadoresca peninsular, por oposición á matriz provenzal na que predomina o tema do joi (‘goce do amor’). No plano léxico este motivo reflíctese a través dunha serie de termos e expresións orientadas a manifestar a dor provocada polo sentimento amoroso. Na cantiga de amor adoita vir motivada pola actitude despiadada da dama e a súa negativa a corresponderlle ao namorado. Na cantiga de amigo, que reflicte o motivo desde unha perspectiva feminina (mesmo cando se dá cabida ao sufrimento que por causa da amiga padece o namorado), figuran como desencadeantes da coita da amiga a ausencia, a tardanza, a partida ou a infidelidade do namorado. Nas cantigas de escarnio a coita foi obxecto de sátiras e parodias, como a que leva a Pero Gomez Barroso na súa composición “Moir’ eu aqui de grand’ afan” a equiparar o sufrimento orixinado polo amor ao provocado pola falta de alimento nunha hábil inversión dos canons do xénero amoroso. Este motivo ofrece unha sintomatoloxía variada da que forman parte manifestacións físicas (signa amoris) como a palidez, o pranto, o insomnio, a cegueira, a perda do apetito e tamén a loucura ou a morte, convertida esta última noutro dos grandes tópicos da lírica galego-portuguesa, obxecto tamén de burlas. Neste sentido destaca a figura de Roi Queimado, quen se converteu en prototipo do poeta que morre por amor (debido á insistencia coa que desenvolveu o tema da coita nas súas cantigas de amor) e, xa que logo, en vehículo tamén de depreciación do mesmo motivo por parte doutros trobadores.
-
-
s
f pl
Especie de tumor no peito que afecta ao gando porcino e vacún.