coleóptero -ra

coleóptero -ra

(< grκολεόπτερος , deκολεός ‘estoxo’ +πτερόν ‘ala’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos coleópteros.

  2. s m [ANIMAL/ENTOM]

    Insecto da orde dos coleópteros.

  3. s m pl [ANIMAL/ENTOM]

    Orde de insectos de metamorfose completa que se caracterizan por presentar, na fase adulta, o primeiro par de alas endurecido, os élitros, que ten perdida a capacidade de axuda no voo pero que serve para protexer o mesotórax, o metatórax e o abdome, e o segundo par de alas membranoso. Para voar erguen os élitros, agás as cetonias, que estenden as alas baixo estes, o que lles permite despregar o segundo par de alas membranosas que ata ese momento se mantiveran pregadas. Nalgunhas especies, os élitros poden estar soldados, feito que impide o voo; a partir de aí conforman unha estrutura especialmente ríxida, como é o caso dalgúns gurgullos e carábidos. O corpo é máis ou menos abombado e alongado, aínda que moitas especies teñen formas ovadas ou redondas. Entre a cabeza e os élitros sitúase un escudo que protexe o protórax e que pode chegar a recubrir a cabeza; pode presentar monoespiñas. O exoesqueleto aparece fortemente quitinizado, característica que lle dá ao animal unha gran dureza. O tamaño da fase adulta dos coleópteros pode variar dende os 0.25 mm dalgúns escaravellos que viven dentro dos poros de certos cogomelos, ata máis de 170 mm de longo. Os animais maiores acadan os 100 g de peso. A vacaloura constitúe a especie máis grande de Galicia, e mesmo de Europa, e presenta ata 75 mm na fase adulta. Tamén a coloración é moi variada e aínda que son comúns os escaravellos negros ou acastañados, existe un gran número deles con cores vivas e con reflexos metálicos. As mandíbulas son fortes e serven para cortar e triturar; nas vacalouras preséntanse hipertrofiadas e serven para os combates sexuais. Na maioría dos casos non presentan ocelos, pero si grandes ollos compostos, a non ser as especies de hábitos subterráneos ou cavernícolas. As antenas presentan un gran número de formas, aínda que normalmente están compostas de once artellos. As patas poden manifestar diferentes adaptacións para a carreira, a natación, a fixación a superficies lisas ou para escavar. En moitas especies existe un claro dimorfismo sexual e pódense distinguir os machos das femias na forma das antenas ou das patas, nas cores, na presenza de excrecencias en forma de espiñas ou no tamaño das mandíbulas. Algúns cerambícidos producen sons estridulantes para a comunicación, fregando a parte traseira do protórax contra a cara dorsal do mesotórax, e percíbenos mediante receptores situados na patas. Algúns poden emitir luz, por exemplo os vagalumes, e outros expulsan substancias fedorentas ou hemolinfa cando se ven ameazados. Os coleópteros completan o ciclo vital, que na maior parte das especies, dura un ano ou máis, mediante unha metamorfose completa. Na fase larvaria preséntase como unha eiruga con distintos tipos morfolóxicos, dependendo do hábitat onde se desenvolva. Aparecen eirugas grosas coas patas moi reducidas, como moitas das que se alimentan dentro da madeira ou dos froitos, ata outras lixeiras e con patas aptas para a carreira de especies depredadoras. Algúns grupos non se desentenden por completo da súa proxenie e ademais de escoller un substrato apto para o desenvolvemento larvario, poden prepararlle cámaras a onde desprazan o alimento, como os escaravellos coprófagos, ou mesmo alimentar directamente as larvas, como no caso dos escaravellos necrófagos. Os coleópteros teñen conquistados todos os biótopos terrestres e algúns grupos viven nas augas continentais como compoñentes importantes do ecosistema de ríos e lagos. Existen especies depredadoras, fitófagas, coprófagas, necrófagas, simbiontes ou parasitas. Constitúen o grupo máis importante dos animais, tanto polo número nos ecosistemas terrestres coma por terse identificado unhas 400.000 especies, feito que constitúe unha quinta parte das formas de vida coñecidas, das que 20.000 aparecen en Europa. Das 125 familias existentes en Galicia están presentes as dos anóbidos, bírridos, bostríquidos, brúquidos, bupréstidos, carábidos, cerambícidos, císidos, cléridos, cocinélidos, colídidos, críptofáxidos, crisomélidos, curculiónidos, derméstidos, derodóntidos, ditíscidos, drílidos, driópidos, edeméridos, elatéridos, endomíquidos, erotílidos, escafídidos, escarabeidos, escidménidos, escolítidos, estafilínidos, eucnémidos, falácridos, halíplidos, helódidos, hidrénidos, hidrofílidos, higróbidos, histéridos, lampíridos, lícidos, limexílonidos, liódidos, lucánidos, maláquidos, melíridos, meloidos, micetofáxidos, nitidúlidos, ortopéridos, pseláfidos, ptínidos, rizofáxidos, serropálpidos, sílfidos, tenebriónidos e xirínidos.

Palabras veciñas

colenquimático -ca | Colenso, John William | coleo- | coleóptero -ra | coleóptilo | coleorriza | Coleostephus