Collybia
Xénero de fungos da familia das marasmiáceas, de cogomelos cartilaxinosos ou elásticos e pouco carnosos, co chapeu convexo ou aplanado e a superficie lisa; o pé central non presenta nin anel nin volva e, ás veces, é oco. En Galicia están presentes as especies: C. butyracea, de cogomelos de ata 8 cm de alto, de cor parda amarelenta e tacto manteigoso, cun chapeu con umbo e pé engrosado na base que aparece en masas forestais; C. dryophila, de cogomelos de ata 5 cm de lonxitude de cor amarela ou alaranxada, que habita debaixo dos carballos; C. maculata, con cogomelos de ata 10 cm de alto de cor branca con puntos de cor vermella, presente nas fragas, e C. fusipes, de cogomelos de ata 10 cm de alto de cor parda, que aparecen sobre a madeira de árbores caducifolias.