Colorado
Estado do O dos EE UU (269.596 km2; 3.892.644 h [estim 1997]). A súa capital é Denver (497.840 h [1996]). Hai dúas rexións ben diferenciadas: o O está atravesado polas Montañas Rochosas de N a S, mentres que o L ocúpao a chaira de Colorado. Ten un clima continental con temperaturas bastante baixas no inverno e cunha pluviosidade que pode superar os 1.500 mm anuais no sector das Montañas Rochosas; varía entre 200 mm e 400 mm no resto do estado. O Gran Lago, o de maior tamaño, está drenado polos ríos Colorado e Grande. Polo que respecta á vexetación, nas chairas predominan as gramíneas, nos sectores da montaña abundan os bosques e os prados, e na chaira de Colorado existe unha vexetación desértica ou subdesértica. A base da súa economía é moi diversa, destaca a investigación científica e a industria de alta tecnoloxía. Máis da metade do territorio dedícase aos cultivos (millo, trigo, patacas e froiteiras) e aos pastos. A cría de gando vacún tamén ten unha grande importancia, xa que os produtos gandeiros supoñen o 70% dos ingresos agrarios. É un dos principais produtores mundiais de uranio, molibdeno e vanadio. Outros recursos minerais son o petróleo, o gas natural, o ouro, a prata e a hulla. O turismo tamén está moi desenvolvido e acada os 14.000.000 de visitantes anuais, fundamentalmente cidadáns estadounidenses que acoden a observar a espectacular paisaxe do Gran Canón do Colorado. Foi explorado polos colonizadores de Novo México durante o s XVII e despois anexionado á coroa de Castela por Juan de Uribarri. Os EE UU adquiriron as rexións situadas ao N do río Arkansas en 1803 e 1848, e polo Tratado de Guadalupe-Hidalgo, incorporáronse tamén as partes S e O. Converteuse en estado da Unión en 1876.