colorante

colorante

(< colorar)

  1. adx

    Que ten a propiedade de colorar.

    Ex: Para dar cor ós vernices poderemos empregar diferentes substancias colorantes.

  2. s m [QUÍM]

    Substancia capaz de transmitir un grao determinado de coloración a outros corpos ao absorberse ou reaccionar con eles. A maior parte dos colorantes modernos son produtos orgánicos de síntese, coloreados moi intensamente, capaces de dar unha coloración de determinada permanencia e solidez a un soporte. A súa aplicación principal é a tintura de tecidos, papel, coiro, plásticos, derivados do petróleo e alimentos. Un colorante comercial defínese por dous grupos de características: as do proceso de aplicación (solubilidade, afinidade e velocidade de tintura) e as do produto tinguido (matiz, intensidade da cor, solidez fronte á luz, lavado, axentes de branqueo e duración, entre outras). O amplo abano de colorantes existentes defínense segundo o método de aplicación e segundo a súa constitución química. Desde o punto de vista do método de aplicación clasifícanse en: ácidos, fixados aos tecidos grazas á presenza na súa molécula de grupos ácidos, útiles para tinguir la, seda e poliamidas; ó cromo ou, polo xeral, metalizables, colorantes ácidos sobre todo para la, sólidos ao lavado, que poden converterse en complexos metálicos sobre a propia fibra; básicos, unidos aos tecidos mediante enlaces salinos cos grupos ácidos das fibras acrílicas; directos ou substantivos, absorbidos fortemente sobre a celulosa, constituídos por moléculas grandes, planas e lineais que se orientan paralelamente nas rexións cristalinas daquela e esixen, en xeral, tratamentos posteriores con resinas e fixadores; ó xofre, afíns á celulosa e que por oxidación co aire reconstitúen no interior da fibra o colorante insoluble, de gran solidez; de tina, aplicables á celulosa, moi resistentes ao lavado, á luz e aos axentes de branqueo; reactivos, capaces de formar enlaces covalentes coas fibras que teñen grupos amino ou grupos hidroxilo, extremadamente sólidos e de gran luminosidade; dispersos ou dispersables, capaces de esparexerse en fibras téxtiles, como os poliésteres, as poliamidas e outros; ó mordente, fixados á fibra cun mordente; azoicos insolubles ou ó xeo, empregados principalmente como pigmentos e formados no interior da fibra, en xeral de algodón, impregnada dun sal de diazonio e dunha compoñente copulable; de oxidación, producidos por oxidación dun composto incoloro e soluble; e ingrain, formados no interior das fibras, como os precursores ftalóxenos solubles que enxendran nas fibras de algodón o azul de ftalocianina. Desde o punto de vista da constitución química, clasifícanse segundo a natureza dos seus grupos cromóforos en colorantes nitratos e nitrosados, azoicos, da acridina, indaminas, azinas, ftalocianinas, colorantes do indio, cianinas, colorantes polimetínicos e colorantes antraquinónicos, entre outros. Os colorantes deben a súa cor á capacidade de absorber luz na rexión visible do espectro. A absorción débese ás transicións dos electróns nas moléculas e só teñen lugar na rexión visible se os electróns son suficientemente móbiles. A mobilidade electrónica está exaltada pola non saturación e a resonancia. Os grupos atómicos destas propiedades, chamados grupos cromóforos, converten a molécula que os contén en cromoxeno, que está coloreado se o grupo cromóforo se asocia a outro grupo que potencia a cor, o grupo auxocromo, e que a miúdo despraza a banda de absorción a lonxitudes de onda máis longas. A molécula dun colorante ten que conter as dúas clases de grupos e os auxocromos son os responsables da fixación nas fibras téxtiles.

  3. [BIOL]
    1. s m

      Substancia empregada en microscopia para tinguir as estruturas citolóxicas e histolóxicas que se queren observar. Os primeiros foron de orixe vexetal ou animal; pero substituíronse case todos por colorantes sintéticos.

    2. co-lorante ácido

      Composto, xeralmente orgánico, empregado para tinguir os compoñentes básicos das células dun corte histolóxico. Os principais colorantes ácidos son as anilinas ácidas, como a eosina, a eritrosina, a fluoresceína e o vermello Congo.

    3. colorante básico

      Composto, xeralmente orgánico, empregado para tinguir os compoñentes ácidos das células dun corte histolóxico. Os principais colorantes básicos son os carmíns, as anilinas básicas e as hematoxilinas. Ademais dos colorantes ácidos e básicos, hai algúns neutros, como o Sudán III ou o vermello escarlata, que tinguen as graxas.

  4. colorante alimentario [ALIM]

    Aditivo alimentario empregado para proporcionar unha determinada cor ou reforzar a cor natural, e para producir un efecto psíquico no consumidor, estimulando a apetencia do produto sen alterar as súas calidades nutritivas ou de conservación. Segundo a súa natureza química pódense agrupar en colorantes inorgánicos, orgánicos naturais ou orgánicos de síntese. Para todos eles hai un control estricto no código alimentario de cada estado. Os colorantes inorgánicos, en xeral, son pouco utilizados, pero para casos especiais empréganse o bióxido de titanio, o negro de fume, o óxido de ferro, a prata metálica, etc. Entre as substancias naturais empregadas para colorear alimentos destaca a clorofila, o β-caroteno, a lactoflavina (ou riboflavina), o caramelo, a cúrcuma, etc. O uso de colorantes de síntese está en retroceso, e está estritamente controlado co fin de asegurar unha toxicidade mínima. As disposicións lexislativas tenden a reducir e unificar os colorantes autorizados en diferentes países suprimindo a antiga clasificación en naturais e artificiais, xa que os estudios toxicolóxicos realizados revelan que un produto natural non significa atóxico. Independentemente da súa autorización na lista positiva, os colorantes alimentarios teñen estritas especificacións de pureza e de cantidade máxima (en España, 300 ppm) de presenza no produto listo para o consumo. Dentro da UE hai unha directiva específica á que todos os estados membros teñen que adaptarse.