Cómic do Castro

Cómic do Castro

Grupo fundado en 1972 polos debuxantes Xosé Díaz, Xesús Campos, Luis C. Esperante e Isaac Díaz Arias Roxo. Pretendían a concienciación política dos galegos, para o que elaboraban unha publicación con textos en galego nas súas bandas deseñadas; nelas inciden na problemática da sociedade galega, con personaxes como caciques, cregos ou xentes da cidade e da aldea; ao tempo que criticaban as inxustizas e ofrecían solucións cun humor satírico. Dende os seus comezos tiveron diversos problemas coa censura, que mesmo clausurou varias das súas mostras. No ano 1973 participaron na Mostra do Cómic Galego en Santiago de Compostela, xunto con Reimundo Patiño, Xaquín Marín, Ricardo Lázaro e X. Barro. Nese mesmo ano editouse o primeiro número da revista de cómic galego A Cova das Choias, en Xenebra, con debuxos de Xosé Díaz e Xesús Campos. A editorial Ruedo Ibérico publicou en París o libro El movimiento libertario español, que contén ilustracións dos compoñentes do grupo. Posteriormente, colaboraron en diferentes publicacións como A voz dos homes sin voz, A Nosa Galiza, Outeiro San Cosme e Xarda. Participaron en 1975, xunto con Reimundo Patiño, Xaquín Marín e X. Barro, nunha exposición de cómic organizada pola Asociación Cultural O Facho, como homenaxe a Castelao, na casa da cultura da Coruña. Durante os anos seguintes centraron os seus esforzos en exposicións, na edición de libros e na publicación de tebeos.

Palabras veciñas

comezo | comible | cómic | Cómic do Castro | comichar | comichón | Comici, Emilio