Comisión dos 16
Organismo colectivo designado en decembro de 1978 pola Asemblea de parlamentarios de Galicia para elaborar un anteproxecto do Estatuto de autonomía. Estaba formada por 16 persoas, de aí o seu nome, 13 pertencentes aos partidos presentes nas Cortes españolas (Alianza Popular, Unión de Centro Democrático, Partido Socialista Obrero Español e Partido Comunista de España) e tres máis reservados aos partidos extraparlamentarios, que ocuparon o Partido Galeguista (PG), o Partido Obreiro Galego (POGA) e, finalmente, o Partido dos Traballadores Galegos (PTG). O Partido Socialista Galego (PSG) e o Bloque Nacionalista Popular Galego (BN-PG) renunciaron a participar nesa comisión debido a que se mantiveron firmes na súa adhesión ás Bases Constitucionais que propuxera a Mesa de Forzas Políticas Galegas en 1976. Os seus integrantes foron: pola UCD, Pablo González Mariñas, Lutgarda García Boente, Luís Cordeiro González, Víctor Vázquez Portomeñe, Pablo Padín Sánchez, Manuel Reymóndez Portela, Ramón Álvarez Cid e Juan Manuel Álvarez Ramos; polo PSOE, Xosé Luís Rodríguez Pardo e Indalecio Tizón; pola Coalición Democrática (CD, que integraba AP), Antonio Carro Martínez, que foi substituído por Manuel Vázquez Ríos, e Francisco Puy Muñoz; e, polo PCE, Anxo Guerreiro. Os tres membros procedentes dos grupos extraparlamentarios foron Camilo Nogueira polo POGA, Luís Sobrado (substituído por Xosé Manteiga) polo PG e Fernando Solla polo PTG. No transcurso da primeira reunión, celebrada en xaneiro de 1979, foron elixidos o presidente, Ramón Reymóndez Portela, os vicepresidentes, Pablo González Mariñas e Indalecio Tizón, e o secretario, Francisco Puy Muñoz. Para cumprir co seu mandato, contou con seis anteproxectos de Estatuto, presentados polo PCG, o PTG, o POGA e o PSdeG-PSOE, e coas comunicacións, bases e textos articulados enviados por diferentes organismos, material que organizou Anxo Teixeiro en Aportacións ao estatuto de autonomía e Estudio comparado dos anteproxectos, bases e suxerencias parciais aportadas ao proceso estatuario. Este feito demostra a ampla mobilización da sociedade galega ante a convocatoria feita polo presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón. O anteproxecto elaborado pola Comisión presentóuselle o 9 de abril de 1979 ao presidente da Xunta preautonómica. Estaba composto por cincuenta artigos, sete disposicións transitorias, unha adicional e unha final. Este anteproxecto, malia a boa acollida que tivo na sociedade civil galega e o apoio que recibiu de Rosón e doutras personalidades de sensibilidade galeguista, non contou co beneplácito da Asemblea de parlamentarios, controlada maioritariamente pola UCD, que decidiu nomear unha nova comisión para elaborar o Estatuto definitivo a partir do fixado pola Comisión dos 16.